O BNG leva ao Parlamento Galego as corridas de touros de Triacastela
Para os nacionalistas trátase dun intento dalgúns sectores do PP por relanzar este tipo de evento como unha imposición ideolóxica e españolizadora
A parlamentaria Ana Pontón afirmou que as corridas de touros non son cultura, son actos crueis e unha auténtica barbaridade que nada ten que ver con este país
Lugo, 29 de xullo 2015. O BNG presentou no Parlamento Galego unha inciativa para coñecer cal é o posicionamento da Xunta de Galiza ante a celebración deste tipo de espectáculos de maltrato animal no noso país. A parlamentaria Ana Pontón lembrou que O BNG ven mantendo unha posición moi clara en relación coas touradas e sinalou que as corridas de touros non teñen tradición na Galiza, a súa escasa presenza responde ao intento de introducir prácticas alleas á nosa cultura e tradición, cunha clara vontade de homologación cultural.
A parlamentaria do BNG incidiu na necesidade de poscionarse na defensa dos dereitos dos animais como expresión dunha sociedade civilizada e avanzada e engadiu que as corridas de touros non son cultura, son actos crueis e unha auténtica barbaridade. Desde o BNG manifestamos a nosa oposición ao intento de relanzamento que están a facer diversos sectores do PP das touradas e temos claro que alén de cuestións ideolóxicas sobre as touradas, esta cerrazón tamén esconde o interese por financiar a un sector que cae en picado en público e apoio e só sobrevive grazas ás axudas públicas afirmou Ana Pontón.
Nos últimos informes elaborados sobre esta cuestión cifranse en 700 millóns de euros as axudas públicas ao sector da tauromaquia. Resulta moi contraditorio que o PP, que non lle tremeu o pulso con recortes en aspectos como sanidade, educación ou cultura, siga dilapidando recursos públicos neste tipo de actos crueis afirmou a parlamentaria do BNG.
Un dos últimos concellos sumados a esta dinámica é o de Triacastela que vén de anunciar a organización dunha corrida para os días 22 e 23 de Agosto. Unha actuación por parte dun concello con moitas carencias e onde se detectan as connivencias do PP co sector taurino. De feito, na práctica, esta decisión ten moito que ver coa fin do apoio do concello de Sarria a este acto de tortura animal.