O BNG LEVA AO PARLAMENTO GALEGO A DESTRUCIÓN DOS ACHÁDOS ARQUEOLÓXICOS DE COESES
Cosme Pombo preguntou pola autorización da Xunta para a eliminación dos restos e polos informes técnicos sobre a trancendencia da excavación
Numerosos colectivos manifestaron a importancia destes restos e o BNG ten presentado iniciativas no Parlamento Galego, no Congreso no Concello e na Deputación de Lugo
Lugo a 30 de novembro de 2013. O grupo parlametar do BNG presentou unha batería de preguntas dirixidas ao goberno galego para clarificar en que condicións o Ministerio de Fomento procedeu a eliminar os restos arqueolóxicos aparecidos nas obras da A-54 na parroquía lucense de Coeses. Cosme Pombo lembrou que o BNG instara ao goberno galego a adoptar as medidas necesarias para preservar e conservar os restos arqueolóxicos atopados en Coeses, así como a realizar as actuacións precisas para a súa posta en valor. Esta iniciativa foi apoiada por unanimidade na Comisión de Cultura do Parlamento Galego. Mais incomprensibelmente as obras da autovía Lugo-Santiago continuaron avanzando contra o patrimonio arqueolóxico de Coeses, contra o seu excepcional valor e contra a súa conservación segundo dixo Pombo.
A destrución consumouse a pesares de que o BNG demandou en todas as institucións a protección destes restos. Para o BNG resulta inaceptable este xeito de actuar por parte do ministerio de fomento que acaba de arrasar uns dos restos arqueolóxicos fundamentais para clarexar aspectos do mundo castrexo que eran descoñecidos ata o momento. O BNG, a través do parlamentario Cosme Pombo, dirixiuse á Xunta para saberse a autorizou a destrución de parte do xacemento arqueolóxico de Coeses e cal foi a valoración da Xunta sobre a importancia dos xacementos destruídos. Pombo tamén se interesou por saber se está pensado dar a coñecer os resultados e informes das escavacións e cando se farán públicos. Ademais, o parlamentario nacionalista, tamén preguntou polo lugar Onde están depositadas todas as pezas extraídas nesta escavación?
Os restos arqueolóxicos atopados nas obras da Autovía Lugo-Compostela na parroquia lucense de Coeses eran, segundo todos os expertos, un achado singular e importantísimo por tratarse dun conxunto arqueolóxico único e que permitiría coa súa conservación, abrir novas vías de investigación científica arredor do pasado castrexo lucense e galego, despexando incógnitas sobre as tradicións mortuorias até o de agora practicamente descoñecidas.
O conxunto consta de tres partes: o Castro de Valente por un lado, a Chousa do Castro por outro e no medio os transcendentais restos de inhumacións que foron destruídos polo actual trazado da Autovía. Dende o BNG sinalouse que todos os restos atopados deberan ser tratados en conxunto xa que posúen un valor inconmensurable non só para Lugo senón para o conxunto da historia e do patrimonio galego, o cal necesariamente debe implicar a súa conservación e estudo.
Para o BNG resulta lamentable que un proxecto destas características non contemple a protección do noso patrimonio xa que a existencia do Castro era coñecida e recoñecida por técnicos, especialistas e a propia toponimía do lugar indica, claramente, a existencia dun lugar que debe ser considerado de alta protección. Houbo xa dous cambios mínimos no trazado para evitar a destrución do Castro de Valente e da necrópole de icineración pero non se acometeu a desviación necesaria para evitar a destrución do xacemento que engloba a todo o xacemento de Coeses que é único no seu conxunto.