O BNG NON NEGOCIARÁ CON OROZCO OS ORZAMENTOS DE 2014

O BNG NON NEGOCIARÁ CON OROZCO OS ORZAMENTOS DE 2014

Os nacionalistas basean esta decisión no imcumprimento que o goberno de Orozco fixo do acordado na negociación para a aprobación dos orzamentos do 2013

“Non imos aceptar escusas de mal pagador nin imos creer que se vai cumprir en 20 días o que non se cumpriu en 11 meses” dixo Antón Bao

Lugo, 29 de novembro de 2013. O responsábel local do BNG de Lugo, Alexandre Penas, e o voceiro municipal do BNG, compareceron hoxe, en rolda de prensa, para anunciar que o BNG non se sentará a negociar co PSOE os orzamentos do concello de Lugo para o 2014. Os nacionalistas basean esta decisión no incumprimento que o goberno de Orozco fixo do acordado na negociación para a aprobación dos orzamentos do 2013. O responsábel local do BNG admitiu que “si se cumpriron algúns dos compromisos” pero dixo que “o PSOE non tivo unha vontade clara de cumprir todos os acordos”.

Alex Penas lembrou que o BNG acordará unha serie de puntos para aprobar os orzamentos de 2014. Esta negociación produciuse despois da saída dos nacionalistas do goberno municipal. No mes de xuño BNG e PSOE acordaron tamén a aprobación dos remanentes. Tras unha análise do grao de cumprimento do goberno local dos compromisos acadados o BNG decidiu, a través da súa asamblea local, non negociar os orzamentos de 2014 co goberno socialista. Penas dixo que, xa no momento do debate sobre as ordenanzas fiscais, se viu claramente que ámbalas dúas forzas plantexan un diferente modelo de cidade.

O voceiro municipal do BNG, Antón Bao, dixo que “o PSOE preferiu priorizar outras cuestións antes de efectivizar os compromisos adquiridos co BNG” e engadiu que “o BNG cumpre coa parte que lle compre con seriedade e rigor pero non vai admitir os incumprimentos premeditados do PSOE”.  Bao sinalou que o PSOE, no concello de Lugo, se negou a outra política fiscal, a outro proxecto social máis avanzado centrado na xente que peor o está pasando. Bao lembrou que o goberno de Orozco se negou a poñer en marcha proxectos de promoción de emprego, propostos polo BNG, que “quedaron adiados como se non houbera presa”.

Para Antón Bao o PSOE “é o partido do non sei, non podo, non vou facer política para a xente, non me movo a ver que pasa”. Bao dixo que o goberno municipal fora  advertido en diversas ocasións ao longo do ano de que as cuestións pactadas non se estaban a cumprir. Antón Bao dixo que “non imos aceptar escusas de mal pagador nin imos creer que se vai cumprir en 20 días o que non se cumpriu en 11 meses”. Respecto á posibilidade de que o goberno cumpra cos seus compromisos no que queda de ano, Antón Bao dixo que “se en 11 meses non se fixo nada non se vai facer neste mes” e engadiu que “a concelleira de economía é demasiado optimista xa que se non foron capaces de cumprir ata agora non o van a poder xestionar en escasos 20 días”. Un absoluto desinterese á hora de efectivizar o acordo.

O BNG NON NEGOCIARÁ CON OROZCO OS ORZAMENTOS DE 2014