O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA PROPOSICIÓN PARA APOIAR A ILP DA CIG

O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA PROPOSICIÓN PARA APOIAR A ILP DA CIG

IMG_2662  Antonio Niño afirmou que “esta cuestión débelles interesar a todas forzas políticas por que nesta provincia hai máis de 30.000 persoas desempregadas”

 “Para o BNG compre que se desenvolvan iniciativas que aposten por medidas concretas para a creación de emprego” dixo Paz Abraira

Lugo, a 19 de febreiro de 2014. Tras unha xuntanza de traballo, a voceira do BNG no concello de Lugo e o secretario comarcal da CIG, Antonio Niño, presentaron a proposición que os nacionalistas levarán ao pleno municipal. Nesta proposición buscarase o apoio da corporación lucense á Iniciativa Lexislativa Popular que o a central sindical levará ao parlamento galego para demandar da Xunta a implantación de medidas de creación de emprego en Galiza. Antonio Niño afirmou que “esta cuestión débelles interesar a todas forzas políticas por que nesta provincia hai máis de 30.000 persoas desempregadas”. “Para o BNG compre que se desenvolvan iniciativas que aposten por medidas concretas para a creación de emprego” dixo Paz Abraira.

A central sindical Confederación Intersindical Galega (CIG) está a impulsar unha proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, con máis de cen medidas para a creación de emprego en Galiza. Na exposición de motivos da proposición de lei sinala que as medidas contidas nesta Lei axudarán a sentar as bases para un desenvolvemento económico e social máis sustentábel e suporían un aumento do emprego e unha mellora de dereitos sociais e da calidade de vida da maioría da poboación.

IMG_2664Niño sinalou que “compre outra política fiscal, un incremento do gasto social e do investimento público, a creación de entidades financeiras públicas ao servizo da cidadanía e do noso tecido produtivo, ten que haber políticas que favorezan o emprego estábel, uns salarios dignos e postos de traballo en Galiza, con todo isto contribuiremos a construír unha sociedade galega máis democrática, xusta, solidaria e humanizada, sustento da nosa identidade como pobo e piar da soberanía nacional á que aspiramos”.

Tanto Abraira como Niño coincidiron en que “Outras vías son posíbeis e e existen alternativas ás actuais políticas da Xunta e do estado”. Explicaron que a pesar de que a Xunta de Galiza e o Estado non poden utilizar a política monetaria, competencia exclusiva do Banco Central Europeo, si poden esixir que o dito banco compre débeda pública directamente aos Estados e CC.AA., así como usar a súa capacidade regulamentaria da actividade económica e os orzamentos públicos para tomar medidas extraordinarias en tempo de crise.

IMG_2681“É tempo de reivindicarmos a importancia social do público fronte ao privado, como forma de reactivar e incidir na orientación da economía en beneficio da maioría social e de garantir, en condicións dignas para toda a poboación, dereitos básicos como o ensino, a saúde, a enerxía, a pensión, a vivenda, o traballo ou a comunicación” dixo o responsabel comarcal da CIG que apostou por rachar coas actuais políticas de recortes do investimento público, promovidas pola UE e o FMI, “por que non favoreceren a saída da crise, por seren contrarias á creación de emprego e por provocaren o empobrecemento e a exclusión social en amplos sectores da sociedade”.

O BNG LEVARÁ AO PLENO UNHA PROPOSICIÓN PARA APOIAR A ILP DA CIG