A DEFENSA DO LIBRE DEREITO AO ABORTO FOI A PROPOSTA DO BNG NO FORO DE IGUALDADE DO CONCELLO
Paz Abraira lembroulle ao goberno local os acordos tomados no pleno municipal sobre o rexeitamento ao anteproxecto de modificiación da Lei do aborto
Lugo, a 20 de febreiro de 2014. O BNG trasladou ao Foro de Igualdade do concello de Lugo, que se reuniu hoxe, unha proposta de actividade para levar a cabo en relación á celebración do 8 de marzo. O Foro vai facer un chamamento a que participen homes e mulleres de Lugo na mobilización nacional en defensa do libre dereito a decidir sobre o aborto que se vai celebrar en Compostela o 9 de marzo. Dende a formación nacionalista propuxéronlle ao concello que se centren, este ano, os actos do 8 marzo sobre o dereito ao aborto.
Segundo explicou Paz Abraira para o BNG a celebración, este ano, do 8 de marzo debe estar centrada na defensa dos dereitos das mulleres a decidir sobre o noso propio corpo. Un dereito que, segundo a voceira nacionalista, pretende eliminar o goberno aplicando o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos e do propio PP, que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios económicos nin sanitarios.
Ademais, durante a celebración do Foro de Igualdade, a voceira do BNG aproveitou a ocasión para lembrarlles ás representantes do goberno municipal os acordos tomados coa aprobación plenaria da iniciativa sobre o anteproxecto de Lei do Aborto. A proposición aprobada, presentada á coporación polo BNG, recollía entre os puntos de acordo o compromiso de que o goberno municipal puxese en marcha, a través da área de Igualdade, unha campaña institucional de información e divulgación sobre as consecencias desta reforma da Lei. Entre os obxectivos da campaña estaría informar ás mulleres dos recursos cos que contan para interromperen voluntariamente o embarazo e en que se transmitan mensaxes contra a modificación desta lei.