O BNG LEVARÁ UNHA PROPOSICIÓN AO PLENO EN APOIO ÁS PERSOAS QUE RECIBEN PENSIÓNS DOUTROS ESTADOS
Paz Abraira dixo que é inxustificado o tratamento que se lles está dando ás persoas que emigraron no seu momento e que hoxe reciben pensións de estados estranxeiros, porque non os tratan igual que ao resto dos pensionistas
Para a voceira municipal do BNG o Partido Popular está obrigando de novo aos veciños e veciñas do noso Concello a emigrar, como fixeron no pasado, e a maiores pretenden que paguen máis impostos que o resto dos cidadáns
Lugo, 22 de setembro de 2014. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo unha proposición para instar ao goberno do Estado Español á adopción dunha serie de medidas urxentes a prol das persoas que reciben pensións de estados estranxeiros. A voceira do BNG no Concello de Lugo, Paz Abraira afeou ao Partido Popular que sendo as súas políticas as que están obrigando de novo aos veciños e veciñas do noso Concello a emigrar, como fixeron no pasado, a maiores pretendan que os que o fixeron ao estranxeiro paguen máis impostos que o resto dos cidadáns. Para o BNG a solución adoptada polo Goberno do Estado non é máis ca un parche porque se ven obrigados pola presión das mobilizacións sociais e porque estamos ás portas dunhas eleccións municipais e doutras xerais. Desde logo con esta medida non se resolve completamente o problema dos emigrantes galegos no estranxeiro.
Paz Abraira lamentou que o PP só teña un único interese, obter unha maior recadación do IRPF daquelas persoas con menos recursos. Para o BNG o PP en ningún momento adoptou medidas tributarias encamiñadas a que paguen máis os que máis teñen, todo o contrario. Pretenden que os emigrantes retornados paguen dobremente, mentres lles permiten vivir a cordo de rei aos defraudadores e ás grandes fortunas.
Entre as medidas propostas o BNG insta ao Pleno Municipal a demandar ao Estado Español a que proceda a fixar o mesmo IRPF para todas as rendas procedentes de pensións, independentemente de se estas proceden dun ou de varios estados; ao recoñecemento de oficio das pensións de invalidez recoñecidas nos países de procedencia; a evitar a dupla imposición de gravames e a revisar os convenios marco con outros países para evitar que situacións deste tipo poidan volver a repetirse. Asemade demandase que o procedemento que se arbitre para a condonación e devolución do importe das sancións, recargos e intereses de demora liquidados por estes conceptos se faga de oficio por parte da Axencia Tributaria e que se devolvan, ademais, as cantidades pagadas en concepto de débeda tributaria por non existir un criterio firme respecto da tributación das pensións procedentes do exterior, ao haber sentenzas xudiciais firmes que anularon liquidacións en casos de pensións de emigrantes retornados.
A proposición do BNG, que defenderá Paz Abraira, lembra como no ano 2012 a Axencia Tributaria comezou a enviar unha serie de requirimentos ás persoas en idade de xubilación e retornadas do estranxeiro coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondentes aos exercicios de 2008, 2009, 2010 e 2011, provocando unha forte resposta social.
Estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro. Existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade de defraudar por parte destas, e que se apoia co feito de os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas. Foi a presión que realizou con intensidade a Coordinadora Nacional Galega de Emigrantes Retornados/as a que conseguiu que se coñeza que houbo un trato inxusto e discriminatorio cos/coas pensionistas retornados/as. Tamén esa contestación social motivou a introdución na reforma fiscal prevista para 2015 dun proceso de regularización dirixido a este colectivo que, con todo, é unha solución parcial que non asegura un tratamento fiscal equitativo e non discriminatorio respecto doutras persoas que só perciben pensións de organismos do Estado español dixo Paz Abraira.