TRATASE DUNHAS CONTAS CONTINUISTAS NOS QUE OS ÚNICOS ELEMENTOS NOVEDOSOS SON PURA PROPAGANDA
TRATASE DUNHAS CONTAS CONTINUISTAS NOS QUE OS ÚNICOS ELEMENTOS NOVEDOSOS SON PURA PROPAGANDA DIXO PAZ ABRAIRA EN RELACIÓN COS ORZAMENTOS MUNICIPAIS PARA 2015
Na sesión da Comisión de Contas do Concello de Lugo o BNG votou en contra aos orzamentos do PSOE para 2015
Paz Abraira lembrou como Orozco se negou a aplicar unhas taxas municipais progresivas e a adaptar os servizos sociais do Concello ás novos perfís de persoas usuarias. Seguen de costas á realidade que viven os nosos veciños
A voceira municipal do BNG lembrou a incapacidade dos socialistas desde o ano 2013 para executar a maioría das partidas orzamentadas de maior incidencia na vida da veciñanza
Lugo, a 23 de decembro de 2014. O Grupo Municipal do BNG votará en contra da aprobación dos orzamentos municipais do concello de Lugo para o ano 2015. Así o afirmou a voceira do BNG, Paz Abraira, logo da Comisión de Contas que se celebrou hoxe no Concello de Lugo.
A voceira nacionalista no Concello de Lugo, Paz Abraira, dixo que se trata dunhas contas absolutamente continuistas nas que os únicos elementos novedosos son pura propaganda. É un lavado de cara do PSOE para presentarse como o partido dos orzamentos participativos, cando en 16 anos de goberno Orozco non deron ningún paso neste sentido, en referencia á partida de orzamentos participativos publicitada polo goberno.
Para o BNG ademais afirmou Paz Abraira serán de novo os orzamentos dos incumprimentos, como xa ten demostrado este goberno desde os orzamentos do ano 2013, así como dos remanentes aprobados. Non se trata dun problema de cartos, tratase dun problema de incapacidade política.. A nacionalista lembrou a ineficacia do goberno socialista en numerosos temas, dende a execución de obras programadas, así como a adxudicación das axudas para aluguer de vivenda, que aínda non están adxudicadas ás do ano 2014 e non se aprobarán ata o 29 de decembro, dous días antes de rematar o ano. Para o BNG tratase duns orzamentos de carácter puramente electoral que o PSOE non vai cumprir en 6 meses e que demostran, unha vez mais, a nula vontade de facerlle fronte á situación do concello por parte dos socialistas.
Nestes orzamentos descenden as cantidades das subvencións ás entidades sen ánimo de lucro que traballan no Concello de Lugo, sendo as que máis baixa nas destinadas a benestar e a cultura, o que demostra a nula aposta do señor Orozco por estes sectores, fundamentais no desenvolvemento dun modelo social do Concello de Lugo afirmou Paz Abraira.
Modelo de cidade obsoleto do PSOE
Para o BNG o partido socialista presenta un modelo de cidade obsoleto e de costas á realidade das veciñas e veciños de Lugo. A nacionalista lembrou como o goberno do PSOE foi incapaz de facer unha análise rigorosa do perfil da poboación que actualmente demanda servizos sociais para poder adaptar programas específicos á nova realidade así como se negou a incluír bonificacións e exencións dentro das taxas e impostos municipais e imprimir a progresividade fiscal como ten demandado o BNG en diferentes ocasións. O PSOE prefire apostar unicamente polas Axudas Municipais de Emerxencia Social, que obriga cada mes ás persoas que o necesitan a presentarse nos servizos sociais para demandala. Tratase dun modelo de gobernanza claramente obsoleto, que se nega a ver a realidade e adaptarse a ela, cando os veciños o que demandan son solucións. O concello ten persoal altamente capacitado para elo, pero o goberno está en decadencia e sen de pulso para responder ás necesidades dos nosos veciños dixo Paz Abraira
Abraira afeou ao equipo de goberno que preside o socialista Orozco a tardanza na presentación das contas municipais para o ano 2015, o que demostra a súa falta de preocupación e interese por este tema xa que saben que os poden aprobar en Xunta de Goberno
O Pleno onde se debaterán estes orzamentos celebrarase o vindeiro luns 29 de decembro.