O CONCELLO “TENSE QUE POÑER AS PILAS” PARA QUE LUGO CONTE CUNHA PRAIA FLUVIAL PÚBLICA NO 2015

O CONCELLO “TENSE QUE POÑER AS PILAS” PARA QUE LUGO CONTE CUNHA PRAIA FLUVIAL PÚBLICA NO 2015

Os nacionalistas volveron preguntar, como todos os meses,  na Comisión de Urbanismo, Infraestruturas, Medio Ambiente e Zona Rural sobre os pasos que está a dar o Concello para dotar a Lugo dunha zona pública de baño

Paz Abraira comparou a eficiencia destes dous partidos para autorizar unha gasolineira ao carón do Miño coa súa incapacidade a hora de efectivizar servizos públicos para todos

Lugo, 26 de decembro 2014.IMG_0375  A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, fixo balance do traballo feito polo concelleiro de Medio Ambiente, do que boa parte se analizou na Comisión de Medio Ambiente do Concello e concluíu que este Goberno, o seu alcalde e o seu equipo non teñen a maior preocupación por lograr cambios neste ámbito para o noso concello. Paz Abraira lembrou hoxe que o BNG seguirá a loitar para que o ano 2015 os lucenses conten cunha zona pública de baño no río Miño. “Todos os meses preguntamos por este tema na Comisión Municipal correspondente e a resposta sempre é a mesma, que o Goberno municipal non fixo durante este ano 2014 ningunha xestión neste ámbito”. Para o BNG esta resposta reiterada polo voceiro socialista e Concelleiro de Medio Ambiente, Luís Álvarez, man dereita do Sr. Orozco , comisión tras comisión, mes tras mes, “demostra o absoluto desprezo deste equipo polas demandas dos cidadáns, demandas que agora din pretender canalizar a través de orzamentos participativos”.

 Para o BNG o feito de que o 2015 sexa ano eleitoral vai ser empregado por PSOE e PP para falar sen rubor da necesidade de que Lugo conte cunha zona pública de baño, e chegaran a incluír esta proposta nos seus programas eleitorais, a pesar das trabas e atrancos que sempre lle puxeron a esta proposta que o BNG e os cidadáns levan anos defendendo.

Abraira anunciou que “o BNG seguirá insistindo para que o concello de Lugo conte cunha zona pública de baño para o vindeiro verán” e resaltou como os lucenses teñen moi claro o modelo de cidade que queren: “A sociedade lucense ten claro que ao carón do río é de xustiza que exista unha zona pública de baño e que é un despropósito que se lle dean todas as facilidades a unha multinacional para construír unha estación de servizo ao seu carón” dixo en referencia ás múltiples mobilizacións que os lugueses levan protagonizado e ao éxito da campaña de recollida de sinaturas da Plataforma Miño Si, Gasolineira Non.

A voceira nacionalista lembrou que non se trata dun problema de financiamento, senón de capacidade e vontade política. “O Concello debe liderar este proxecto e sentarse con quen faga falta, pero resulta incrible que cada mes o goberno socialista reitere a súa falta de traballo e continúe de costas ás necesidades e demandas dos lucenses”.

Paz Abraira referiuse de novo á actitude do Partido Popular de Lugo, “igual que fixeron cos servizos sanitarios prometidos para o HULA” o único que se adica é a procurar xustificar a marxinación que o seu partido fai coa nosa cidade desde outras administracións, “neste caso – lembrou – como a Confederación Hidrográfica, presidida por un representante do PP, parece que utiliza máis criterios de carácter político que de carácter técnico á hora de impedir a ubicación dunha zona pública de baño pero dálle o visto bon, sen máis problemas, á instalación dunha estación de servizo a menos de 100 metros do río.”

O CONCELLO “TENSE QUE POÑER AS PILAS” PARA QUE LUGO CONTE CUNHA PRAIA FLUVIAL PÚBLICA NO 2015