PARA O BNG É O MOMENTO SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DE EVACUACIÓN DE AUGAS EN FONTIÑAS"
O BNG pide, tamén, unha revisión da sinalización da zona para eliminar bolardos innecesarios e mellorar a seguridade e a axilidade do tráfico na zona
Paz Abraira lembrou que o BNG tamén propuxera no ano 2013 a construción dunha terraza-mirador sobre unha parte do talude que agora se vai arranxar
Lugo, 8 de febreiro de 2015. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, propúxolle ao goberno municipal que, xunto coas obras de reparación do talude do parque dos Paxariños, se acometan as actuacións necesarias para dar solución aos problemas de evacuacións de augas pluviais que se dan na ronda de Fontiñas. Abraira lembrou que en setembro de 2014, a causa de intensas chuvias, o talude foi practicamente arrastrado e numerosos locais da zona sufriron inundacións. Para o BNG é o momento de previr novas inundacións e solucionar os problemas de evacuación de augas pluviais e Fontiñas.
Dado que na zona se están a acometer importantes obras e se vai iniciar a reparación do talude danado a finais do pasado ano sería unha lástima que neste momento se desaproveite a oportunidade para arranxar todas estas cuestións dixo Paz Abraira referíndose ás inundacións de locais e á práctica destrución do talude do parque dos Paxariños. Paz Abraira sinalou que o BNG lle trasladou ao goberno municipal unha iniciativa a principios de outubro do pasado ano para que se incluisen estas actuacións no plan de obras amañado entre PP e PSOE e ao que se destinaron uns 5 millóns de euros.
Paz Abraira dixo que resulta preocupante pensar que o goberno municipal e o PP non teñan previsto resolver os problemas que hai en Fontiñas. Os nacionalistas dubidan que dentro das obras de reparación do talude se tivera en conta a resolución dos problemas que acontecen cando hai chuvias torrenciais. Abraira sinalou que sería importante que con estas obras na zona se lle dea unha solución definitiva aos problemas que sufren os veciños e veciñas cada vez que chove con abundancia.
Terraza-Mirador sobre o talude do parque dos Paxariños
Abraira lembrou que o BNG tamén propuxera no ano 2013 a construción dunha terraza-mirador sobre unha parte do talude que agora se vai arranxar. A creación deste espazo cívico resultaría importante para unha zona moi poboada da cidade que apenas conta con lugares de lecer dixo a voceira do BNG. Abraira explicou que a proposta do BNG levaríase a cabo cun baixo investimento económico e que se realizaría na área de expropiación dos terreos, co cal, non afectaría a ningunha propiedade privada da zona. Para a edil do BNG é unha actuación asumible economicamente e tecnicamente viable.
Revisión da sinalización viaria e dos bolardos
Os nacionalistas pedirán tamén que se faga un estudo para mellorar a sinalización viaria na zona co fin de mellorar a seguridade e a axilidade do tráfico. Para o BNG compre que se analice a actual ubicación dos bolardos que hai nesta zona xa que probablemente algúns sexan innecesarios e habería que instalar outros en determinados puntos. Para Abraira este tipo de actuacións non teñen custo económico elevado e son as que realmente melloran a calidade de vida das persoas que por alí transitamos.