RUBÉN ARROXO AVOGOU POR UNHA “XESTÓN MÁIS CLARA E DEMOCRÁTICA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

RUBÉN ARROXO AVOGOU POR UNHA “XESTÓN MÁIS CLARA E DEMOCRÁTICA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

IMG_7357Arroxo referiuse á privatización do Campo do Ceao e dixo que “quen práctica o fútbol de base non sabe o que é xogar nun campo de herba natural e Orozco anúncialles que van xogar sobre a terra”

Para o BNG “as instalacións deportivas deben de estar a disposición de toda a xente que queira prácticar deporte e o concello ten que ter un mecanismo propio de xestión das instalacións”

Lugo, 7 de febreiro de 2015. Tras iniciar as xuntanzas das comisións abertas que definirán o programa eleitoral do BNG – Asambleas Abertas, Rubén Arroxo visitou o campo de fútbol do Ceao. Arroxo estivo acompañado da número dous da candidatura, Maite Ferreiro, do número tres, Antón Somoza, e do responsábel local do BNG, Alexandre Penas. O candidato nacionalista explicou que “o único campo de fútbol municipal de herba natural foi entregado a unha sociedade anónima, mentres que o alcalde anuncia que fará campos de terra para os nenos e nenas”. Arroxo avogou por “unha xestión máis clara e democrática das instalacións municipais”. Arroxo bromeou coa cuberta de neve dicindo que “agora está blanco pero a cousa está máis oscura que a venda das accións do Concello e da Deputación”.

Para Arroxo “as instalacións deportivas deben de estar a disposición de toda a xente que queira practicar deporte” e engadiu que “o concello ten que ter un mecanismo propio de xestión das instalacións” e “as persoas que queiran practicar deporte teñen que ter a oportunidade de utilizar as instalacións que pagamos entre todos independentemente que pertenzan, ou non, a determinados clubes deportivos”. O candidato do BNG exemplificou a discriminación de certos deportes minoritarios e dixo que “non hai máis que ver o campo que acaba de ser entregado a unha empresa e a instalación anexa que se adica deportes minoritarios ou outras instalacións en absoluto proceso de deterioro como é o caso das pistas de atletismo”.

Os nacionalistas visitaron tamén a instalación anexa ao campo do Ceao e sinalaron que “coa décima parte do que se investiu no Campo do Ceao poderíase ter mellorado considerablemente esta instalación, ou calquera outra”. Os nacionalistas, a través do candidato número tres, Antón Somoza, anunciaron que defenderán a creación dun Consello Municipal do Deporte como fórmula integradora e de xestión que garanta o funcionamento óptimo das instalacións deportivas municipais.

A acción do BNG

O candidato á alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que “xa tivo que ser o BNG, ao principio do actual mandato, quen freou a construción dun complexo deportivo privado en terreos municipais no polígono de San Fiz”. Para Rubén Arroxo “está clara cal é a filosofía privatizadora do goberno do PSOE en materia deportiva” xa que “tentou regalar terreos públicos a unha empresa en San Fiz e agora entrega o mellor campo de fútbol municipal a unha sociedade anónima deportiva”. O BNG tamén considera necesario revisar as condicións de uso de outros espazos deportivos municipais “por que neste momento hai moita xente que ten problemas para acceder a certas instalacións” afirmou Arroxo.

Sobre as accións da S.A.D. do C.D. Lugo

Rubén Arroxo referiuse ao proceso de venda das accións da S.A.D. do C. D. Lugo, que eran propiedade da Deputación e do concello de Lugo e dixo que “ao final o que debía ser algo beneficioso para o Clube Deportivo Lugo pode converterse nun problema”. Arroxo engadiu que “parece que non aprendemos a lección de que as institucións públicas non deben formar parte do accionarado dos clubes deportivos de elite”. Arroxo lembrou que o BNG sempre estivo en contra de que as institucións públicas sexan propietarias de accións de empresas privadas que xestionan clubes deportivos. Para os nacionalistas está claro que “o feito de que se modificaran as bases da adxudicación para adaptalas ás esixencias do posible comprador pon en dúbida toda a legalidade do proceso” e advertiu Arroxo “das posibles consecuencias legais no caso de que se presente accións xudiciais contra o proceso”.

RUBÉN ARROXO AVOGOU POR UNHA “XESTÓN MÁIS CLARA E DEMOCRÁTICA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS