O BNG PIDE QUE SE ANALICE A POSIBLE REMUNICIPALIZACIÓN DA REDE MUSEOS E DA OFICINA DE TURISMO
Cristina Ferreiro cuestionou que estes centros municipais estén en mans de empresas privadas con políticas laborais pouco claras
Os nacionalistas levarán á comisión de Cultura e Turismo o acontecido coas bases elaboradas para o concurso de adxudicación da xestión dos centros museísticos e da oficina de turismo
Lugo, 14 de febreiro de 2015. A edil do BNG, Cristina Ferreiro, presentou unha serie de preguntas para saber se o goberno municipal valorou en algún momento, estudar a remunicipalización do centros museográficos e da oficina de turismo municipal. Os nacionalistas levarán á comisión de Cultura e Turismo o acontecido coas bases elaboradas para o concurso de adxudicación da xestión dos centros museísticos e da oficina de turismo.
Para Cristina Ferreiro está claro que unha parte importante de todos os casos, por presunta corrupción, que estamos vendo están ligadas á contratación de empresas privadas para cubrir servizos que perfectamente se poderían atender con persoal contratado directamente polo concello. Ferreiro lembrou que é unha filial de Vendex a empresa que se está encargando nestes momentos de atender os centros museísticos municipais e a oficina de turismo.
O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais estimou parcialmente un recurso presentado contra as clausulas fixadas polo concello de Lugo para a selección de persoas nas bases do concurso público para a contratación do servizo de apertura e atención ao público das salas museísticas municipais e dende o BNG reclamouse información sobre este asunto. As reclamacións presentadas contra as bases foron dirixidas ás titulacións esixidas para o persoal que atende os seis centros museográficos municipais.
Os nacionalistas queren saber cales son os criterios utilizados polo goberno municipal para definir as características do persoal que atende estes centros municipais e se existe algún control, por parte de técnicos municipais, sobre a xestión que está a facer a empresa que nestes momentos controla estes centros museográficos e a oficina de turismo. Para o BNG é importante saber se a empresa cumpriu con todas as clausulas establecidas nos pregos de condicións dende o momento da adxudicación do contrato.
Os nacionalistas tamén se interesaron, despois de ver o que está a suceder en outro casos, por saber se o o goberno municipal ten establecido algún mecanismo de control sobre a actual empresa no relativo ao cumprimento das súas obrigas salariais e laborais cos traballadores. A política de contratación de persoal destas empresas debe estar supervisada polas administracións que fan as concesións dixo Cristina Ferreiro e engadiu que non sabemos cales son as condicións reais nas que están traballando actualmente as persoas que atenden os centros museográficos municipais e a oficina municipal de turismo.