“O BNG NON NEGOCIARÁ CUNHA ORGANIZACIÓN QUE AMPARA A CORRUPCIÓN NO CONCELLO” DIXO PAZ ABRAIRA

“O BNG NON NEGOCIARÁ CUNHA ORGANIZACIÓN QUE AMPARA A CORRUPCIÓN NO CONCELLO” DIXO PAZ ABRAIRA

IMG_3065  Os nacionalistas manterán esta postura ata o final do mandato e mentres Orozco continúe como alcalde

Abraira advertiu que “non imos admitir chatanxes de ninguén” xa que “os únicos responsables do desgoberno do concello son o PSOE e López Orozco”

Lugo, 1 de abril, 2014. A voceira nacionalista no concello de Lugo, Paz Abraira, e o responsábel local do BNG, Alexandre Penas, compareceron hoxe ante os medios de comunicación para dar a coñecer a decisión tomada pola asamblea do BNG de non manter negociacións co partido socialista mentres esta forza política manteña a López Orozco como alcalde de Lugo. Esta decisión, ratificada pola asamblea, tras unha proposta feita polo consello local do BNG veu motivada tras coñecerse as últimas gravacións, incluidas no sumario da operación Pokemon, nas que o alcalde lucense ofertaba varias posibilidades para colocar a unha persoa.

Alexandre Penas dixo que “o BNG non vai negociar nada con este goberno” e engadiu que “consideramos que non é un goberno fiable, mais ben é un desgoberno ou un goberno en desbandada, sen ningunha capacidade de xestión”. Penas acusou a Orozco de “utilizar o seu cargo como parapeto para defenderse das acusacións que lle chegan pola vía xudicial” e lembrou que “O BNG apostou por un goberno de progreso para esta cidade, respetando os acordos tomados,  pero nestes momentos esta mais claro que nunca que o psoe non é leal a esta idea e fai mais esforzos por manter a cadeira que por apartar a corrupción do concello”.

IMG_3046Pola súa banda voceira nacionalista, Paz Abraira, lembrou que o BNG actuou con coherencia dende o primeiro momento, “dende o momento en que se coñeceu a imputación pedimos a dimisión e abandonamos o goberno”. O BNG esixiu unha intervención decidida do PSOE para apartar da alcaldía ao quen se demostrou que ten responsabilidades políticas graves relacionadas coa corrupción no concello de Lugo. O PSOE non actuou e “non quere actuar contra a corrupción no concello de Lugo nin contra o alcalde que é o máximo responsable neste caso” afirmou Abraira e dixo que “non imos a negociar cunha organización que ampara a corrupción concello de Lugo”.  Esta postura, por parte do BNG, manterase dende agora ata o final do mandato e se Orozco segue sendo alcalde.

Segundo se informou, o BNG so manterá relacións co PSOE a través dos mecanismo oficias da institución. O BNG irá decidindo en cada momento, atendendo ás propostas do goberno e centrándose exclusivamente no ben de Lugo. Paz Abraira afirmou que “o mellor para Lugo é que Orozco dimita” e advertiu que “non imos admitir chantaxes de ninguén” xa que “a estratexia do PSOE consiste en non asumir responsabilidades políticas e acusar aos demais da ingobernabilidade do concello”. Dende o BNG advertiron que non será culpa deles que non se executen determinadas cuestións que terán que pasar polo pleno para ser aprobadas “o PSOE ten na súa man levar propostas desglosadas ao pleno e buscar apoios nas outras forzas para aprobalas”. “Que o concello de Lugo teña ou non un vehículo máis no parque móbil non vai ser determinante para o benestar dos lucenses, que non pretendan atemorizar aos cidadáns” dixo Abraira.

Máis recursos para os que menos teñen

IMG_3057Dende o BNG insistiron en que o BNG vai manter a posición que sempre defendeu, unha política impositiva que teña en conta ás persoas con maiores dificultades económicas. “Demandamos accións decididas e específicas para as persoas máis necesitadas de axudas” dixo Paz Abraira e pediu, unha vez máis, “Que se establezan mecanismos para eximir do pago da auga, do lixo, e do canon da rede de sumidoiros a aquelas persoas que teñen maiores dificultades económicas”. E para manter a recadación “que se grave a quen máis ten, por exemplo ás vivendas baleiras”. O concello, para o BNG, terá que atender de xeito máis decidido a emerxencia social municipal e, por exemplo, “desenvolver o plan de emprego que o BNG propuxo ao PSOE o ano pasado e que está sen desenvolver pola súa falta de xestión”. Tamén botan de menos os nacionalistas accións políticas que fomenten a participación dos cidadáns.

“O BNG NON NEGOCIARÁ CUNHA ORGANIZACIÓN QUE AMPARA A CORRUPCIÓN NO CONCELLO” DIXO PAZ ABRAIRA