O BNG LÉVARA UNHA MOCIÓN PEDINDO A REHABILITACIÓN DA ESTACIÓN DE AUTOBUSES
Paz Abraira dixo que non vai chegar no curto prazo nin o AVE nin a intermodal e a xente quere unhas instalacións dignas para Lugo
O uso do transporte público na área metropolitana incrementouse nun 88% e Lugo precisa dunha estación acorde co século XXI
Lugo, 2 de abril, 2014. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo, que se celebrará o vindeiro luns, unha iniciativa para demandar da Xunta de Galiza que acometa unha reforma en profundidade da estación de autobuses de Lugo. A corporación, se apoia esta proposición, instará á Xunta de Galiza a que adopte, de maneira urxente, as medidas necesarias para unha adaptación integral do edificio da estación de autobuses de Lugo que garanta as necesarias condicións de información, seguridade, accesibilidade, confortabilidade e hixiene.
Os nacionalistas demandan unha rehabilitación integral do edificio que poña estas instalacións á altura do século XXI. A estación de Lugo é a primeira imaxe da cidade para moitos visitantes e está situada ao pé da muralla e do que vai ser un centro cultural de referencia na cidade. O BNG presentou, tamén, unha serie de iniciativas neste mesmo senso no Parlamento Galego.
Paz Abraira dixo que compre mellorar esta estación que dende hai moito tempo precisa unha reforma en profundidade. Abraira asegurou que o BNG desexa, para Lugo, que a estación intermodal chegue canto antes, pero os feitos demostran que esto non se vai producir a curto prazo e mentres as persoas que entran e saen de Lugo teñen que sufrir o mal estado da Estación de Autobuses. A Estación de Autobuses de Lugo ten numerosas carencias en canto a servizos para os viaxeiros e continúa, por exemplo, coa sala de espera da planta superior pechada cuns taboleiros atados con aramios. Ademais da dotación de servizos precisa dunha rehabilitación do edificio que o dignifique.
Dende o BNG cargaron contra a Xunta de Galiza que licitou, recentemente, a contratación, por 27.387,21, de obras de mellora de diversas estacións de autobuses da provincia de Lugo, incluídas dentro do Plan Renove de Galiza. Esta contratación vai dirixida ás estacións de Viveiro, Ribadeo, Mondoñedo, Vilalba e Sarria, e a de Lugo volve quedar fora dos programas da Xunta. Dentro deste plan renove, que conta con 4,2 millóns de euros para invertir nas 43 estacións de autobuses do país (35 propiedade da Xunta) nun programa plurianual 2013-2015, a estación de Lugo só se viu beneficiada cun imprescindible arranxo dos aseos públicos
A actual situación de crise económica fai que se incremente de xeito moi considerable o número de usuarios do transporte público. Esto xustifica, sen dúbida, a necesidade urxente de acometer obras de rehabilitación neste edificio da Xunta de Galiza. Paz Abraira fixo referencia ao aumento do 88 % do número de usuarios en Lugo e no seu entorno. recentemente os medios de comunicación, segundo datos da propia Xunta de Galiza, reflexaban que máis de 300 mil viaxeiros no 2013 utilizaron o sistema de transporte mentropolitano en Lugo.