O BNG OCUPA UNHA OFICINA DE NGB PARA CHAMAR A ATENCIÓN SOBRE AS CAUSAS DA ACTUAL CRISE ECONÓMICA
Veiga anuncia que o BNG presentará na Deputación provincial unha iniciativa para deixar de traballar con aquelas entidades que apoien os desafiuzamentos
Os nacionalistas piden máximo apoio para a folga xeral do 14-N para evitar que continúe o desmantelamento da sanidade e a educación públicas
Ribadeo, 12 de novembro de 2012. Unha delegación de cargos institucionais e orgánicos do Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña encabezada polo responsábel comarcal da formación, Antonio Veiga, ocupou, esta mañá, a oficina de Novagalicia Banco(NGB) de Ribadeo, para chamar a atención sobre os motivos polos que se chegou a actual situación de crise económica e evidenciar que os bancos son os principias responsábeis da mesma.
Veiga denunciou que tras a situación de recesión e depresión agóchase a mala praxe dos bancos e as súa irresponsábel política de concesión de créditos. Agora era o momento de que as entidades financeiras concederan créditos para dotar de liquidez ás empresas e familias e poder así saír do pozo no que nos sumiron banqueiros e políticos neoliberais, e sen embargo non o fan.
Para os nacionalistas, á falla dunha política coherente á hora de conceder créditos, hai que engadir estafas como a das participacións preferentes, que deixaron a máis de 90.000 galegos e galegas sen os seus aforros, e as indemnizacións millonarias dos exdirectivos das desaparecidas caixas galegas.
Veiga subliñou que estes son só tres exemplos elocuentes das graves deficiencias dun sistema financeiro altamente protexido polo Goberno popular de Mariano Rajoy que pide a Europa o rescate bancario pero permite que continúe aumentando o desemprego, que as PEMES segan fechando, que máis dun 22 por cento de familias galegas estean en risco de pobreza ou exclusión e que milleiros de persoas segan a vivir o drama dos desafiuzamentos.
Neste senso, o responsábel da formación na Mariña anunciou que o BNG presentará, na Deputación e en todos os concellos da provincia nos que ten representación, unha iniciativa para deixar de traballar con aquelas entidades bancarias que apoien e executen novos desafiuzamentos. Para os nacionalistas as prioridades están claras, por riba dos bancos están as persoas e o seu benestar.
Os nacionalistas abandonaron a sucursal de NGB ante as peticións dos traballadores e a chegada da Garda Civil, que identificou a todos os presentes entre os que se atopaban, ademais do responsábel comarcal e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o de Riotorto, Federico Gutiérrez Estoa, entre outros.
Apoio á folga xeral do 14-N
Dende o Bloque Nacionalista Galego piden o máximo respaldo á folga xeral do vindeiro mércores. Sobran os motivos para saír á rúa. Os mariñáns temos que evidenciar o noso descontento coas políticas dos gobernos central e autonómico. Non estamos dispostos a seguir pagando as consecuencias dunha crise provocada polos bancos e a que, ao tempo que estes son rescatados, se desmantelen servizos públicos básicos como a sanidade e a educación concluíu Antonio Veiga.