O BNG CHAMA A SECUNDAR A FOLGA DE MAÑÁ E PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓN CONVOCADAS EN LUGO

O BNG CHAMA A SECUNDAR A FOLGA DE MAÑÁ E PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓN CONVOCADAS EN LUGO

Mario Outeiro afirmou que “hai milleiros de razóns para ir á folga mañá, tantas como parados hai e seguen medrando debido ás políticas neoliberais do PP”

Lugo, 13 de novembro de 2012. Esta mañá os responsábeis comarcais do BNG de Lugo-centro, Lugo-sur e da comarca da Mariña, Mario Outeiro, Ricardo Rodicio e Antonio Veiga, participaron, xunto aos alcaldes e tenentes de alcalde do BNG na provincia de Lugo, así como militantes e simpatizantes do BNG, nun reparto informativo polas rúas da capital lucense facendo un chamamento a secundar a folga de mañá e a participar nas mobilizacións convocadas en Lugo, Burela e Monforte.

Mario Outeiro, responsábel comarcal do BNG de Lugo, manifestou que “a destrución de emprego avanzou de xeito imparábel desde o inicio da actual crise económica, estamos a falar de 267.000 parados en Galiza a día de hoxe; e as políticas emprendidas ata o de agora agravan aínda máis a situación de miles de persoas no noso país, ao tempo que protexen aos verdadeiros culpábeis da actual desfeita económica e social”.

“A creación de emprego – continuou Outeiro -  é imprescindíbel para saír da situación de crise na que nos atopamos, e para iso é necesario reactivar os sectores produtivos básicos da nosa economía, para o que precisamos ter maior capacidade de decisión en Galiza, unha situación que actualmente non se da, posto que tanto Rajoy dende o Goberno Central, como Feijoo dende o Galego, limítanse a executar unha política económica imposta polo Fondo Monetario Internacional, o Banco Central Europeo e a Unión Europea, feito que, ademais, afecta aos piares básicos do sistema democrático”.

Neste senso, o responsábel comarcal do BNG insistiu en que “Galiza ten ferramentas para superar a crise: recursos, coñecemento e vontade de moitas persoas para saír adiante con éxito. Máis ten que ter capacidade para exercelas, ten que poder exercer a súa soberanía económica para xerar emprego e benestar para as maiorías sociais do país”. Por todo isto, dende o BNG fan un chamamento para que a cidadanía apoie a folga xeral de mañá, 14 de novembro, e tome parte na manifestación que sairá ás 12 da mañá, diante dos sindicatos, na Ronda da Muralla. “O 14-N temos a oportunidade de reivindicar unha saída xusta á crise, a prol das galegas e dos galegos e non dos mercados financieiros, que mellore as condicións de vida das maiorías sociais”, puntualizou Outeiro.

Mobilizacións:

-Lugo: ás 12:00 horas, desde a Casa Sindical, na Ronda da Muralla, até a Praza de Santa María.

-Burela: ás 12:00 horas, desde a Estación de Servizo Vista Alegre, até a Praza do Concello.

-Monforte: ás 19:30 horas, desde a Praza de España até a Praza da Estación.

O BNG CHAMA A SECUNDAR A FOLGA DE MAÑÁ E PARTICIPAR NAS MOBILIZACIÓN CONVOCADAS EN LUGO