O BNG organizou un acto en Lugo contra o feminicidio
Para os nacionalistas é fundamental a inclusión do concepto Feminicidio e iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de Vítima de Feminicidio
Maite Ferreiro lembrou que dende o ano 1.999 xa van máis de 1.000 mulleres asasinadas no estado español
Lugo, 24 de novembro de 2015. O BNG organizou un acto en Lugo contra a violencia machista. Durante o acto a edil do BNG Asembleas Abertas, Maite Ferreiro anunciou que no vindeiro pleno do concello de Lugo se tratará unha proposición para reclamar as modificacións lexislativas e normativas precisas para a fondar na loita contra esta forma de terrorismo que dende o ano 1999 leva contabilizado máis de 1.000 mulleres asasinadas no estado español.
No acto foron proxectados dous vídeos que forman parte da campaña que o BNG levará a cabo a través das redes sociais e houbo diversas intervencións nas que se denunciou que a violencia machista é un dos problemas máis graves que ten que enfrontar a nosa sociedade. Para o BNG Asembleas Abertas a loita contra a violencia de xénero debe ser unha prioridade política para todos os espazos da actividade política e froito do traballo, para que isto así sexa están vixentes a Lei Orgánica 1/2014, do 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero e Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
Ferreiro significou que despois de anos de aplicación, insuficiente en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos, a violencia machista segue presente na nosa sociedade. Por iso, cómpre avanzar e darmos pasos adiante que melloren os marcos legais e realizar un labor preventivo e educativo maior. Ante a gravidade do problema consideramos fundamental a inclusión do Feminicidio como forma de terror propia que sofren as mulleres e que serva de base para a elaboración dun Estatuto de vítima de Feminicidio dixo Ferreiro.
Doutra banda, a resposta fundamentalmente penal diante deste problema tense demostrado como insuficiente, polo que é preciso avanzar no apoio económico, psicolóxico e social así como na prevención. Corresponde á Administración local, por ser a institución máis próxima á veciñanza converterse nunha referencia para o combate deste problema e presionar para que se avance no recoñecemento das realidades de violencia machista e na súa prevención.