PARA O BNG “OROZCO E CASTIÑEIRA INSULTAN A INTELIXENCIA DOS LUCENSES”

PARA O BNG “OROZCO E CASTIÑEIRA INSULTAN A INTELIXENCIA DOS LUCENSES”

IMG_2996Paz Abraira afirmou que “PP e PSOE atrévense a poñer por escrito e asinar o que saben que non van cumprir nun ano”

 Para o BNG “este acordo é unha mostra máis da desesperación dos grandes partidos

por manter a hexemonía ao prezo que sexa”

 Lugo, 28 de xuño 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, acusou a López Orozco e a Jaime Castiñeira de “insultar a intelixencia dos lucenses” xa que “foron capaces de poñer por escrito e asinar un acordo que saben perfectamente que non van a cumprir”. “Trátase dunha clara mentira por que saben que é imposible executar o contido dese acordo no tempo que queda deste mandato” dixo Paz Abraira. “Este acordo é a última posibilidade, para Jaime Castiñeira, de xogar a ser alcalde” afirmou Paz Abraira que engadiu que “parece que nin a Orozco nin a Castiñeira lles importa enganar aos lucenses e aos seus votantes”. Para o BNG “este acordo é unha mostra máis da desesperación dos grandes partidos por manter a hexemonía ao prezo que sexa”.

Para o BNG “trátase dun acordo de goberno ata o final deste mandato que demostra o que BNG leva meses dicindo”. Para os nacionalistas “está claro que o pacto entre populares e socialistas vai moito máis alá dun acordo para aprobación das partidas dos remanentes que se van presentar no pleno do vindeiro luns 30 de xuño”. Abraira sinalou que acordos, entre PP e PSOE, como os que se dan en Lugo e en Vigo son “ensaios de futuros gobernos bipartitos entre ámbalas dúas forzas políticas”. “No caso de Lugo o PP e o PSOE están experimentando o que queren poñer en práctica a partir das próximas eleccións municipais” afirmou a voceira nacionalista e engadiu que “vemos como, nin a Orozco nin a Castiñeira, lles importa utilizar a Lugo como banco de probas para os experimentos que deseñan dende as direccións dos seus partidos”.

PARA O BNG “OROZCO E CASTIÑEIRA INSULTAN A INTELIXENCIA DOS LUCENSES”