PAZ ABRAIRA: “TEMOS CLARO DE QUE LADO ESTAMOS”

PAZ ABRAIRA: “TEMOS CLARO DE QUE LADO ESTAMOS”

paz abraira PP e PSOE votaron en contra dunha moción do BNG onde se pedía a readmisión dos traballadores e se instaba as partes a negociar

 En relación coas obras aprobadas Abraira afirmou que "PP e PSOE danlle as costas ás verdadeiras necesidades dos e das lucenses"

Lugo, 01 de xullo 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, valorou as diferentes posturas amosadas onte no Pleno do Concello de Lugo. En relación á moción defendida polo BNG, a proposta do Comité de Empresa de Urbaser, a concelleira afeou ao PP e ao PSOE o seu voto en contra. Esta moción pedía principalmente que o Pleno solicitara a readmisión dos traballadores despedidos e instaba a ambas partes a negociar. Paz Abraira dixo que “o BNG ten claro de que lado está, e está do lado da clase traballadora, traballadores que se ven obrigados a facer folga para reclamar os seus dereitos”. A concelleira recordou que as leis aprobadas polo PP e PSOE en materia laboral foron sempre encamiñadas a favorecer aos poderosos, en contra dos dereitos máis básicos dos traballadores. Nesta liña amosou a solidariedade do BNG cos traballadores/as do Urbaser e coas súas familias, así como coa cidadanía de Lugo que está a reclamar á corporación que se lle busque unha saída negociada ao conflito.

“Onte quedou moi claro de que lado esta cada quen” dixo Paz Abraira. “É mentira que a corporación municipal non deba tomar partido, porque se non tomamos partido situámonos do lado dos poderosos. O BNG non vai variar a súa postura, pese a quen lle pese. Nós estamos do lado dos traballadores, dos que están a sufrir as consecuencias de decisións políticas que negan dereitos básicos”.

Aprobación de obras cos remanentes

Para o BNG no Pleno de onte PSOE e PP aprobaron aquelo do que queren sacar réditos electorais, exclusivamente unha relación de obras. O exposto onte por estes dous partidos é un engano á cidadanía, e o BNG non participa co seu voto de enganos aos veciños e veciñas. Paz Abraira aclarou que de todas as medidas que estes partidos aprobaron as únicas que teñen consignación orzamentaria son as obras. A voceira do BNG lembrou que hai 3 millóns de euros destes remanentes que son de libre disposición, e preguntoulles a estes partidos que lles dirán aos veciños e veciñas que nestes momentos están en situación límite. Lembrou, asemade, que o BNG fixo unha proposta pública, que fixo chegar a todos os grupos, onde solicitaba que parte destes cartos foran a benestar social e dinamización económica e emprego. “Estamos en lados distintos. Nos estamos reclamando o que de xustiza lles corresponde aos cidadáns e é que se aposte por cubrir as súas necesidades básicas.” PP e PSOE só apostan polas obras para intentar vendelas electoralmente de cara as vindeiras eleccións municipais. “O BNG toma partido polos que menos teñen, para iso estamos nesta corporación municipal” dixo Paz Abraira.

 

PAZ ABRAIRA: “TEMOS CLARO DE QUE LADO ESTAMOS”