PARA O BNG “OROZCO NON PODE SEGUIR DICINDO QUE DESCOÑECÍA TODO O QUE FACÍA O SR. LIÑARES”

PARA O BNG “OROZCO NON PODE SEGUIR DICINDO QUE DESCOÑECÍA TODO O QUE FACÍA O SR. LIÑARES”

Para o BNG está cada vez máis claras a reponsabilidades políticas de PP e PSOE nos casos de corrupción 

“Aagora escapan do Concello e do país, primeiro Feijoo que marchou do país e López Orozco está día si e día tamén de viaxe” dixo Paz Abraira 

Lugo, 21 de maio 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, saíu ao paso das últimas declaracións aparecidas nos medios de comunicación en relación á operación Pokemon. O BNG reiterou a petición de dimisión do alcalde de Lugo despois de que se fixeran públicos novos datos sobre a operación Pokemon. Ademais, Paz Abraira, insistiu na necesidade de que as direccións do PP e do PSOE tomen medidas a respecto dos cargos imputados. Para o BNG cada vez están máis claras as implicacións destas dúas forzas políticas en casos de corrupción.

Paz Abraira dixo que “con cada novo levantamento de segredo de partes do sumario da operación Pokemon queda máis claro que a corrupción dentro de PP e PSOE vai a máis”. Para o BNG existen responsabilidades políticas importantísimas e “Orozco e Besteiro non poden negar a súa responsabilidade nin seguir dicindo que descoñecían todo o que facía o sr. Liñares, que foi a súa man dereita durante moito tempo”.

A voceira nacionalista referiuse tamén ás implicacións do PP neste caso de corrupción e lembrou como o sr. Barreiro, presidente provincial do partido popular, aparece rebaixando a tensión en todo o que ten que ver co proceso do sistema ORA. Abraira dixo que “estamos asistindo a un novo paso nesta operación e vendo a connivencia entre o PP e o PSOE, estanse poñendo ao descuberto como estas dúas forzas se encubren unha a outra para manterse no poder”.

“Desde o BNG esiximos outra vez a dimisión ao López Orozco” reiterou Paz Abraira e dixo que “esiximos, tamén ao PP é que tome medidas naqueles concellos nos que son cargos políticos da súa organización os que aparecen como imputados”. Abraira pediu “unha acción contundente ao PSOE, e tamén ao sr. Besteiro que ademais é concelleiro en Lugo, para que tomen medidas contra a corrupción existente dentro do seu partido”.

Paz Abraira sinalou que “non pode ser que, en plena campaña electoral, mentres os cidadáns amosan máis o seu cansancio con estas situación e se critica máis todo o relacionada coa corrupción, PP e PSOE non fagan absolutamente nada para revertir esta situación”. “O que se fai visible con cada paso desta operación Pokemon é a implicación destas dúas forzas políticas que se dan cobertura unha a outra” sentenciou Paz Abraira.

Escapan do País

Paz Abraira referiuse con voz crítica ás continuas viaxes de López Orozco ao que equiparou, neste caso, ao lider do PP galego “agora escapan do Concello e do país, primeiro Feijoo que marchou do país e López Orozco está día si e día tamén de viaxe” ademais engadiu que “agora é a sra. Carmen Basadre a que marcha de xira a presentar a festa do Arde Lucus como se con eso conseguiran tapar todo o que se está descubrindo a través deste proceso xudicial”. Para Paz Abraira somentes o BNG é o que se preocupa do que pasa en Lugo e en Galiza.

PARA O BNG “OROZCO NON PODE SEGUIR DICINDO QUE DESCOÑECÍA TODO O QUE FACÍA O SR. LIÑARES”