O BNG PREGUNTA POLO ACORDO ENTRE PP E PSOE NO CONCELLO DE LUGO

O BNG PREGUNTA POLO ACORDO ENTRE PP E PSOE NO CONCELLO DE LUGO

O BNG foi a única forza política que presentou pública e formalmente unha proposta para investir os remanentes do concello de Lugo

“No amaño entre PP e PSOE decidirase o uso dun total de 13 millóns de euros procedentesdos remanentes” dixo Paz Abraira

Lugo, 20 de maio 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, advertiu hoxe que somentes faltan quince días para a celebración do pleno no que se aprobará o destino de máis de 13 millóns de euros das arcas municipais. Paz Abraira dixo que “os cidadáns descoñecen os acordos ocultos de Orozco e Castiñeira”. Abraira apuntou que “o feito de estar nun proceso electoral fai que PP e PSOE queiran aparentar distancia” pero “o certo é que están a facer un amaño entre ámbalas dúas forzas de costas aos veciños e veciñas de Lugo”.

Para o BNG está claro que tanto PP como PSOE non queren falar do acordo para os remanentes xa que estamos ás portas dunhas eleccións ao parlamento europeo e por eso a ningún dos partidos lles interesa aparecer negociando co outro.  O feito de estar en campaña electoral evita que PP e PSOE queiran aparecer xuntos mentres, pola porta de atrás, estarán amañando o futuro do concello de Lugo e en que se van gastar eses 13 millóns de euros.

Abraira afirmou que o “o BNG foi a única forza que remitiu unha proposta a través do rexistro do concello aos outros grupos e a todos os veciños e veciñas de Lugo a través dos medios de comunicación”.  Mentres tanto, engadiu Paz Abraira “os termos do acordo entre PP e PSOE seguen a ser descoñecidos”. O BNG, na súa proposta, destinaba unha parte moi significativa dos 13 millóns de euros para servizos sociais e para atender as necesidades da xente.

“O debate sobre o uso destes remanentes non é tanto sobre as obras ás que se deben destinar“ dixo Paz Abraira e engadiu que “máis ben se trata dun debate sobre o futuro do concello de Lugo”. A voceira nacionalistas sinalou que “neste acordo veremos como o pacto entre PP e PSOE desvelará se apostan por dar cobertura ás persoas que máis o necesitan ou por facer obras que lle sirvan para mercar votos e vontades de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano ”.

Paz Abraira explicou como “para o PP está claro que un dos obxectivos é reforzar o bipartidismo tal e como estamos vendo estes días coas declaracións do Feijoo” mentres que “ao PSOE non lle queda máis remedio que tratar de separarse do inevitable abrazo do PP”.

Paz Abraira dixo que “o pacto serviralles para sacarse de enriba dous grandes problemas” e explicou que “o PSOE aprobará as obras dos remanentes e o PP aprobará definitivamente o plan xeral que acordara co PSOE e que lle está a ter moitos custos políticos”. A escenificación do acordo, que vai beneficiar ás dúas forzas, supón a evolución dun modelo vivo como o que xa se deu no concello de Vigo e que “é a plasmación dunha chamada que, a nivel estatal están a facer os dous grandes partidos”. Abraira dixo que “será esta situación, que se da hoxe en Lugo e se deu en Vigo, a que se dará en Coruña, Santiago e Ourense”. O BNG segue esixindo a dimisión do alcalde e de todos os cargos imputados por corrupción, cousa que non fan PP nin PSOE que agora chegan a acordos.

O BNG PREGUNTA POLO ACORDO ENTRE PP E PSOE NO CONCELLO DE LUGO