O BNG, CON OUTROS COLECTIVOS, CONVOCA UNHA CONCENTRACIÓN CONTRA A INTERVENCIÓN MILITAR EN SIRIA
A concentración está prevista para o mércores 4 de setembro diante da Subdelegación do Goberno ás 20:30 horas.
A convocatoría faise baixo o lema Imperialismo fóra da Siria! Pola paz e a soberanía dos pobos
Lugo, 3 de setembro de 2013. Ante a posible e inminente intervención militar en Siria, auspiciada por Estados Unidos, o BNG, xunto a outros colectivos de Lugo, convoca unha concentración de protesta en Lugo. A concentración celebrarase baixo o lema Imperialismo fóra da Siria! Pola paz e a soberanía dos pobos e está prevista para o mércores 4 de setembro diante da Subdelegación do Goberno na rúa Armanyá ás 20:30 horas. Con esta concentración, que se suma a outras desenvolvidas noutras cidades e vilas da Galiza, o BNG rexeita a intervención militar e aposta pola vía pacífica e democrática para a resolución dos conflitos sempre no marco do respecto á soberanía dos pobos.
Neste sentido, o BNG de Lugo lembra que de novo estamos ante unha información non probada para xustificar unha intervención militar, unha manipulación que lembra o engano masivo á opinión pública internacional que se elaborou para iniciar a guerra en Irak cunhas supostas armas de destrución masiva que nunca apareceron. Mentres tanto asistimos xa á perda de vidas humanas e a unha nova vaga de persoas refuxiadas, algo que non podemos máis que lamentar e sobre o que esiximos que se poña o foco desde o primeiro momento.
Dende o BNG sinalase que a intención de EEUU é ilegal, ao contravir o dereito internacional, non pasar polo Consello de Seguranza das Nacións Unidas nin ter o visto e prace de ningún organismo internacional. Esto supón, pois, unha actuación unilateral dos USA xunto con algúns socios da OTAN, que queren demostrar a súa supremacía e o seu poder para actuaren sen render contas a ninguén.
O BNG esixe que o Estado español non interveña, nin de maneira directa nin indirecta mediante subterfuxios, nesta operación militar que, de se producir, só demostra a incapacidade dalgúns gobernos e dirixentes políticos de aprender dos erros do pasado. Unha intervención militar pon de manifesto a falta de vontade para articular os mecanismos que fagan posíbel a resolución democrática dos conflitos e a convivencia desde o respecto á soberanía dos pobos.