O BNG PEDIRÁ QUE O CAMBIO DE NOME DAS RÚAS QUE “HONRAN” A FRANQUISTAS SE INICIE NESTE ANO

O BNG PEDIRÁ QUE O CAMBIO DE NOME DAS RÚAS QUE “HONRAN” A FRANQUISTAS SE INICIE NESTE ANO

A proposición dos nacionalistas pretende a condena unánime dos franquismo por parte dos grupos da corporación

Antón Bao lembrou que “no Concello de Lugo seguen existindo nomes de rúas que seguen a honrar a persoeiros do franquismo unicamente por ter colaborado coa dictadura”

LUGO, 27 de setembro de 2013. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo unha proposición para que os grupos políticos, con representación na corporación expresen a súa condena á represión aplicada pola ditadura franquista neste concello, así como o apoio a todas as vítimas da mesma na localidade. Nesta mesma proposición o BNG pedirá que, antes do final deste ano, se reúna a Comisión do Rueiro para proceder ao proceder ao cambio de nome das rúas nas que figuren persoas relacionadas coa ditadura franquista.

Para o BNG as vítimas desa persecución, iniciada no ano 1936, aínda teñen a día de hoxe pendente a reparación do dano causado e a súa dignificación. Foron máis de 250 as persoas represaliadas no concello de Lugo e máis de 8.000 na provincia. O voceiro do BNG dixo que “temos a seguridade de que ningunha forza democrática vai ter problema en condenar feitos deste tipo e por eso confiamos no apoio unánime de toda a corporación a esta proposición do BNG”.

A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen sufriron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida popularmente como Lei de Memoria Histórica estipula a eliminación de toda simboloxía ou honores que exalten aquel réxime ou a persoeiros relacionados co mesmo.

No Concello de Lugo seguen existindo nomes de rúas que seguen a “honrar” a persoeiros do franquismo unicamente por ter colaborado activamente coa dictadura. Cedrón del Valle, Carlos Azcárraga, Ruiz de Alda, General Tella, Tenente Coronel Teijeiro, son algúns exemplos. Antón Bao dixo que “o réxime franquista promoveu a modificación do rueiro dos concellos para asignarlles ás rúas os nomes de líderes da sublevación militar ou cargos da ditadura franquista.

O BNG PEDIRÁ QUE O CAMBIO DE NOME DAS RÚAS QUE “HONRAN” A FRANQUISTAS SE INICIE NESTE ANO