O BNG PIDE FACILIDADES PARA SOLICTAR OS PERMISOS DE TRÁNSITO NAS RÚAS CORTADAS DURANTE O SAN FROILÁN
Actualmente este trámite ten que realizarse nas oficinas da Policía local no Barrio de San Fiz en horario de mañá
LUGO, 30 de setembro de 2013. O BNG presentou un rogo á alcaldía para que o concello de Lugo proporcione facilidades aos veciños e veciñas de Lugo que teñen que solicitar un permiso de tránsito nas rúas que estarán cortadas durante as festas do San Froilán. Actualmente este trámite ten que realizarse nas oficinas da Policía local no Barrio de San Fiz en horario de mañá o que provoca problemas para moitas persoas que, en horario laboral, teñen que desprazarse ata estas instalacións da policía local, co conseguinte problema de tempo, debido á maior distancia desde os seus domicilios.
Antón Bao considera que é un trámite sinxelo que podería realizarse nas oficinas administrativas do Concello sen complicación e que reduciría as molestias á veciñanza. O BNG solicitou hoxe, de xeito formal, na Comisión Permanente Ordinaria de Alcaldía e Participación Cidadá, un rogo para que o concello realice este trámite nas Oficinas Administrativas do Concello. As xestións tamén se deberían poder facer de xeito telemático ou ben nas instalacións da Policía Local en horario de tarde xa que estas dependencias permanecen abertas de xeito continuado.