O BNG PEDIRÁ NO PLENO DO CONCELLO UNHA XESTIÓN ECOLÓXICA E SUSTENTABEL DO LIXO

O BNG PEDIRÁ NO PLENO DO CONCELLO UNHA XESTIÓN ECOLÓXICA E SUSTENTABEL DO LIXO

O BNG presentoulle a súa proposta a representantes das forzas sindicais xa que o cambio de politicas na xestión do lixo suporía a creación de emprego na comarca

Un cambio na xestión do lixo suporía a creación duns 3.000 empregos

LUGO, 26 de setembro de 2013. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo unha moción para reclamar unha xestión ecolóxica e sustentábel do lixo. Os nacionalistas solicitarán a posta en marcha de programas de educación ambiental para a redución de residuos. Tamén solicitarán do goberno municipal que se implante progresivamente, pero sen demora, a xestión dos residuos orgánicos das 54 parroquias do concello de Lugo mediante a compostaxe caseira e/ou comunitaria.

O BNG presentoulle a súa proposta a representantes das forzas sindicais xa que o cambio de politicas na xestión do lixo suporía a creación de emprego na comarca. Este cambio na xestión do lixo suporía a creación duns 3.000 empregos novos en todo o país xa que se promovería a reciclaxe de máis de 300.000 toneladas e evitaríase a incineración indiscriminada. No ano 2011 xeráronse en Galiza case 1,2 millóns de toneladas de residuos urbanos segundo Paz Abraira “estes residuos conteñen cantidades importantes de recursos e o seu aproveitamento pode xerar moitos empregos”.

Paz Abraira anunciou que o BNG demandará que o concello inste á Xunta a abandonar a idea de construír unha nova incineradora de residuos urbanos no noso país. Poderíanse destinar os fondos previstos para este investimento a financiar proxectos comarcais de reciclaxe e compostaxe. O BNG reclámalle ao Goberno galego que financie prioritariamente actuacións de recollida selectiva, acompañado de educación ambiental e implantación da compostaxe doméstica e comunitaria.

Segundo Paz Abraira a implantación de sistemas de recollida selectiva do lixo, incrementar a reciclaxe e promover a compostaxe supón “levar ao concello de lugo na dirección na que camiñan as sociedades máis avanzadas”. Para o BNG a actual política da Xunta de Galiza nesta cuestión,”é un auténtico fracaso que nin resolveu os problemas de financiamento dos servizos de xestión de residuos, nin permitiu os mínimos avances ecolóxicos”. A Xunta modificou o plan de xestión PXRUG 2010-2011, “mais non para avanzar na xestión ecolóxica do lixo e na sustentabilidade económica da mesma, senón para facilitar a instalación dunha nova incineradora en Cerceda, unha vez abortado o seu proxecto para O Irixo, a que ten previsto financiar con 218 millóns de euros” dixo Abraira. Algo que implica máis custos para os concellos e menos empregos.

O BNG PEDIRÁ NO PLENO DO CONCELLO UNHA XESTIÓN ECOLÓXICA E SUSTENTABEL DO LIXO