A ASAMBLEA LOCAL DO BNG APOSTA POR UNHA MODIFICACIÓN SOCIAL NA POLÍTICA CONTRIBUTIVA DO CONCELLO
As modificacións que propón o BNG, segundo dixo Antón Bao, teñen que servir para axudar aos que pouco ou nada teñen, gravando aos que máis teñen
Reducións do 100% nalgunhas taxas municipais para o caso de parados, pensionistas, asalariados ou autónomos en función dos ingresos
LUGO, 25 de setembro de 2013. O BNG de Lugo tratou, na súa asamblealocal, unha proposta de modificación da política contributiva para o concello de Lugo. Os nacionalistas teñen analizado nos últimos tempos a necesidade de elaborar unha proposta en materia contributiva no Concello de Lugo que atenda á realidade social e económica actual. Para o voceiro do BNG no concello de Lugo, Antón Bao, trátase, pois, de elaborarmos unha proposta que teña como obxectivos unha maior progresividade fiscal de xeito que pague máis quen ten máis e impulsar a actividade económica a partir das exencións, gravames, bonificacións e reducións, posibles nas ordenanzas fiscais e nos prezos e taxas públicos.
Cunha crise económica agravada polas decisións políticas que ataca constantemente ás maiorías sociais, é preciso actuar dende o concello facendo axustes na política contributiva. Política que favoreza aos que están acusando gravemente os efectos desas decisións, vinculándoa á situación real de cadaquén, ao nivel de ingresos do contribuínte e a todas aquelas cuestións precisas para acadarmos un sistema máis xusto socialmente e, na medida do posible, xerar actividade económica e creación de emprego. As propostas do BNG inciden na exención e/ou bonificacións para os colectivos máis desfavorecidos. Estas medidas deben abranguer sobre todo á maior carga impositiva que aplica o concello: IBI, Auga, RSU.
O total dos ingresos do concello de Lugo por recadación contributiva constitúen aproximadamente un 60% do actual orzamento municipal e o BNG vai establecer unha serie de propostas para modificar impostos, taxas e prezos públicos. Os obxectivos destas propostas de modificación, segundo explicou Antón Bao pasan por atacar directamente as directrices políticas imperantes de austeridade, déficit, eliminación de servizos públicos, atracar aos máis desfavorecidos e aumentar a pobreza a golpe de decreto . A política contributiva do concello de Lugo, segundo dixo Bao, ten que servir para axudar aos que pouco ou nada teñen, e gravando aos que máis teñen.
Para o BNG compre poñer en primeiro plano aos/ás desempregados/as, aos/ás despexados/as, aos/ás roubados polo capitalismo disfrazado de troika e representado polas outras forzas políticas a favor disto ou sen alternativas reais e para esto é necesario establecer unha estrutura contributiva que provoque que pague máis quen máis ten.
Vivenda
En canto ás cargas contributivas sobre a vivenda para o BNG é necesario establecer maior xustiza contributiva ao gravar a multipropiedade ou o alugueiro soterrado de baixos e prazas de garaxe co obxectivo fundamental de mobilizar o amplo parque de vivenda baleira. Outra das medidas a tomar irian encamiñadas eliminar as inxustizas en materia de plusvalías nos trámites de transmisións patrimoniais. O BNG propón que se incluan nas ordenanzas do 2014 reducións no IBI que teñan un claro criterio social e de reequilibrio fiscal a prol dos máis desfavorecidos.
Redución nas taxas e prezos públicos
Segundo dixo Antón Bao o Concello conta coa posibilidade de actuar vía ordenanzas integrando exencións e/ou bonificacións. O BNG pulará por que se introduzan exencións e bonificacións, aplicándoas aos/ás que máis sofren os efectos da crise: parados/as, rendas baixas, familias numerosas, discapacidades, etc... Bao engadiu que por exemplo, pódese establecer unha redución do 100% da taxa de recollida de lixo por vivenda habitual, para o caso de parados, pensionistas, asalariados ou autónomos en función dos ingresos. As medidas propostas polo BNG deberían aplicarse a taxas tipo auga, recollida lixo, sumidoiros e aqueloutras taxas ou prezos públicos susceptibles de contemplalas.