O BNG pedirá no Parlamento e no Concello unha solución para a Tinería
Rubén Arroxo e Cosme Pombo anunciaron iniciativas que levarán ao Parlamento Galego e ao concello de Lugo para reanudar o proxecto de intervención tan necesario na Tinería
Rematar a rehabilitación de edificios, adxudicar as vivendas baleiras, alugar os baixos e a posta en valor do barrio son as demandas fundamentais dos nacionalistas
Lugo, 17 de marzo de 2016. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, reclamou o cumprimento, por parte do goberno da Xunta, cos compromisos para esta zona privilexiada da cidade. O parlamentario do BNG sinalou que o goberno de Feijoo paralizou todos os fondos que estaban destinados a programas de recuperación da Tinería. Cosme Pombo e Rubén Arroxo sinalaron a necesidade de rehabilitar e tamén de rehabitar o barrio para convertelo no que pode ser un referente do atractivo turístico de Lugo.
Os nacionalistas centraron en cinco puntos as actuacións necesarias para que Xunta e Concello recuperen o que Pombo denominou como un programa pioneiro en Galiza para a recuperación dun barrio degradado que, entre os anos 2005 e 2009, supuxo o investimento de máis de 30 millóns de euros. Cosme Pombo lembrou que a Xunta é propietaria de numerosos inmobles e algúns deles aínda están pendentes de rehabilitación e os outros precisan de que se adopten as medidas necesarias para a súa rehabitación.
Nas inicitivas que o BNG levará ao concello demandase da colaboración entre as dúas administracións para: 1º. - Rematar a Rehabilitación das unidades edificatorias que a Xunta ten no Barrio da Tineria de Lugo. 2º. - Adxudicar as vivendas baleiras que a Xunta ten no Barrio da Tinería. 3º. - Alugar os baixos do Barrio da Tinería, propiedade da Xunta, coa garantía de que sexan usados para actividades compatíbeis coa vida de Barrio e que se poña en valor os restos arqueolóxicos. 4º. - A posta en valor dos restos arqueolóxicos ubicados en unidades edificatoria da Xunta como xeito de potenciar a investigación do noso pasado e o sector turístico da nosa cidade. 5º. - Colaborar co concello de Lugo na Rehabilitación, Rehabitación e Recuperación do Barrio da Tinería.
Coa chegada do Goberno Feijoo, moitos dos proxectos foron paralizados, recortouse gravemente a inversión prevista e nin se rematou coa rehabilitación das unidades edificatorias (de propiedade pública) nin se rematou coa Rehabitación do barrio. Concretamente paralizouse: a Rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e de varias unidades edificatorias, a construción do edificio interxeneraccional, o aluguer dos baixos, a posta en valor dos restos arqueolóxicos, etc denunciou o parlamentario do BNG.
Rubén Arroxo sinalou que o barrio da Tinería é unha das poucas zonas da cidade nas que o soterramento do cableado se tomou en serio. Arroxo lembrou que no periodo 2005 2009, cando o BNG tiña responsabilidades de goberno na Consellería de Vivenda e Industría, acometeuse a rehabilitación do barrio da Tinería e chegouse a acordos coas diferentes empresas subministradoras para proceder ao soterrado do cableado aereo. Un exemplo do que debería ser o resto da cidade apuntou Rubén Arroxo.