O BNG PEDIRÁ QUE NON SE PECHEN CAMAS NO HULA E QUE NON SE PRIVATICE O SERVIZO DE ESTERILIZACIÓN
A consellería gastará 160 millóns de euros na concesión da esterilización a unha empresa privada e pechará a sala de esterilización do HULA con 2 anos de uso
Os nacionalistas levarán unha moción ao Pleno do Concello de Lugo para instar ao goberno da Xunta de Galiza a que dea marcha atrás nestes nas súas decisións a respecto da atención sanitaria no hospital lucense
Lugo, 2 de maio, 2014. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo unha moción para instar á Xunta de Galiza a non levar a cabo ningún concurso destinado á privatización dos servizos de esterilización dos centros hospitalarios públicos galegos. Na iniciativa do BNG tamén solicita, do Goberno Galego, que non se proceda ao peche de camas, tal e como está previsto, no HULA e se utilicen para dar cobertura ás necesidades de hospitalización e atención sanitaria precisas. A edil nacionalista, Cristina Ferreiro, lembrou que a xerencia da área de xestión integrada anunciou o peche de camas no período do verán no Hospital Universitario Lucus Augusti. Este peche, que vai dende o mes de xullo até o final de setembro, suporá un peche de un total de 400 camas nas unidades de hospitalización de xeriatría, uroloxía, traumatoloxía/otorrino e medicina interna.
Cristina Ferreiro informou que a consellería gastará 160 millóns de euros na concesión do servizo de esterilización, de todos os hospitais galegos, a unha empresa privada. Para o BNG non ten sentido que se peche a sala de esterilización do HULA con dous anos de uso, en perfecto estado e sen amortizar a súa construción. Ademais esta nova privatización suporá a desaparición de 20 novos postos de traballo dentro do sistema público de saúde.
O novo sistema, privatizado, de esterilización porá en serio perigo as garantías do sistema xa que todo o material quirurxico terá que ser transportando a grandes distancias dende a central de esterilización aos diferentes hospitais e centros de saúde. O Servizo de Esterilización nos hospitais é fundamental para o desenvolvemento da actividade asistencial e cirúrxica de un centro sanitario porque é determinante no mantemento óptimo das ferramentas e materiais utilizados para as distintas actuacións.
A respecto do peche de camas durante o periodo estival, a edil do BNG asegurou que esta medida responde a unha estratexia que utiliza todos os anos a Xerencia para aforra cartos en substitucións tanto nas propias unidades de hospitalización que se pechan como nas outras unidades onde se reubican os pacientes. Este tipo de actuacións repercute negativamente na calidade asistencial prestada .Nos tempos de agarda para ingreso nas distintas patoloxías que sofren o peche como nas que son ocupadas ,o que supón un aumento das listas de espera tanto estruturais como as non estruturais.
ILP hemodínámica e radioterapia
Cristina Ferreiro dixo que o BNG apoiará todas as accións que ,dende os promotores da ILP, que se leven a cabo para que se efectivice o acordado no Parlamento Galego para posta en marcha do servizo de radioterapia e hemodinámica no HULA as 24 horas. Ferreiro referiuse ás emendas presentadas polo PP que teñen como obxectivo retrasar esta posta en marcha.