O NERVIOSISMO POR QUERER XUSTIFIAR O ACORDO ENTRE PP E PSOE FOI O CENTRO DO PLENO DO CONCELLO

O NERVIOSISMO POR QUERER XUSTIFIAR O ACORDO ENTRE PP E PSOE FOI O CENTRO DO PLENO DO CONCELLO

IMG_3857Paz Abraira referiuse cun “escusiato non petita, acusiato manifesta” aos esforzos verbais de Castiñeira e Álvarez para apartar o tema do Garañón do acordo entre populares e socilaistas 

Para o BNG este tipo de pactos explican que Gómez Besteiro non pida a dimisión de Paula Prado  e xustifique a inclusión de imputados nas listas electorais do PSOE

Lugo, 6 de maio de 2014. Para o BNG o pleno de onte, no concello de Lugo, foi a primeira escenificación do amaño entre PP e PSOE. Un amaño, segundo Paz Abraira, "entre as dúas forzas tocadas pola corrupción que se apoian entre si para sustentar o sistema bipartidista". Paz Abraira dixo que este tipo de pactos explican que Gómez Besteiro xustifique a inclusión de imputados nas listas electorais do PSOE e que non pida a dimisión de Paula Prado. Para o BNG está claro que se trata dun xogo entre dúas forzas políticas estatais involucrados en casos gravísimos de corrupción.

A voceira do BNG dixo que “asistimos ao primeiro acto do acordo entre PP e PSOE, un acordo que vai moito máis aló dos remanentes”. O pleno centrouse, segundo Paz Abraira, “no nerviosismo e en non ser quen de explicar o que están amañando e lle ocultan aos veciños e veciñas de Lugo”. Abraira referiuse á non intervención da concelleira de economía no asunto dos remanentes e dixo que “o sr. Castiñeira e o sr. Álvarez defenderon o acordo sen aclarar o que están amañando”.

Abraira sinalou que “para PP e PSOE o necesario é sustentarse uns aos outros” en alusión á frase pronunciada polo voceiro do PSOE que dixo durante o pleno que “estamos ante a arte de facer posible o necesario”. Paz Abraira dixo que este pacto que se dá en Lugo “é o de dous partidos estatais que defenden o mesmo en Bruxelas. Madrid, Compostela, Vigo e agora en Lugo”. Hoxe os medios de comunicación falan, tamén, de acordos para o consello consultivo de Galiza. “Proba da boa sintonía entre as dúas forzas é tamén a foto de concelleiros do PP e do PSOE nun acto institucional do concello de Lugo ao que o BNG non foi convidado” dixo a voceira nacionalista.

Para o BNG é evidente que neste acordo entre PP e PSOE estase falando do PXOM e do PEPRI e máis asuntos, por eso no pleno de onte se centraron as intervencións en tratar de facernos ver que non están amañando outras cousas ademais dos remanentes. Paz Abraira utilizou a frase “escusiato non petita, acusiato manifesta” e lembrou que no pleno do concello o BNG non falou para nada do Garañón pero “curiosamente a segunda intervención, tanto de Castiñeira como  de Luis Álvarez, centrouse en tratar de convencer á xente de que non ten nada que ver o tema do Garañón coas negociacións entre as dúas forzas”.

Paz Abraira explicou os beneficios deste “amaño” entre PP e PSOE. Para o PSOE supón poder presentar obras antes das municipais e conseguir votos e vontades e para o PP supón sacarse marróns de enriba como o PXOM e o Garañón por que aspiran á alcaldía. Segundo Paz Abraira “utilizan 13 millóns de euros dos lucenses para facer un acordo do que onte non explicaron nada e os lucenses descoñecen en que consiste”.

Os argumentos utilizados no pleno de onte son reflexo do argumentario que anda manexando o PP para explicar o acordo de Vigo. Para Paz Abraira resulta extraño que “sexan exactamente os mesmos que onte PP e PSOE puxeron sobre a mesa no pleno de Lugo” e pregúntase se “será que o voceiro do PP lle pasou o argumentario ao PSOE antes do pleno”.

O NERVIOSISMO POR QUERER XUSTIFIAR O ACORDO ENTRE PP E PSOE FOI O CENTRO DO PLENO DO CONCELLO