O BNG DE OUTEIRO DE REI PIDE AMPARO ANTE O VALEDOR DO POBO TRAS OS REITERADOS VETOS DO ALCALDE

O BNG DE OUTEIRO DE REI PIDE AMPARO ANTE O VALEDOR DO POBO TRAS OS REITERADOS VETOS DO ALCALDE

IMG_3854Os nacionalistas acusan ao rexedor popular  de  impedir a inclusión no pleno de mocións presentadas con caracter de urxencia e remitiranlle unha carta ao presidente provincial do PP

O xoves está convocada unha xuntanza do BNG coas persoas afectadas polo proxecto de delimitación de polígonos

Outeiro de Rei, 7 de maio 2014. O BNG presentará un escrito ante o Valedor do Pobo pedindo o seu amparo ante os reiterados vetos do alcalde á participación dos nacionalistas no Pleno da corporación. Segundo o voceiro municipal, Arcadio Lombao, “xa é a segunda vez que o alcalde impide que se trate unha moción presentada polo BNG e que se vote a urxencia da mesma”. Para o BNG esta actitude obedece ao talante predemocrático deste alcalde do PP que “se permite incumprir coa lexislación vixente que no Real Decreto 2568/1986, de Organización, Funcionamiento e Réxime Xurídico das Entidades Locais regula o tratamento das mocións presentadas por vía de urxencia”.

No último pleno municipal o alcalde non permitiu que se tratara unha moción presentada polo BNG para esixir a paralización e retirada do proxecto de delimitación dos polígonos do solo urbano non consolidado. A moción dos nacionalistas fora presentada con carácter de urxencia e o rexedor, incumprindo coa lexislación vixente, non elevou a votación á urxencia da proposta do BNG. “Esta é a segunda vez que ocurre” dixo o voceiro do BNG, Aracadio Lombao, que lembrou como “fixo o mesmo cando se presentou unha moción relativa ao conflicto da planta de Alimentos Lácteos”.

Recentemente o alcalde decretou unha ampliación de prazo para a presentación de alegacións. “O feito de ampliar o prazo de alegacións non vai variar o fondo do problema” xa que, explicou Arcadio Lombao, “as persoas perxudicadas continuarán perdendo as súas terras, as súas vivendas e por riba tendo que pagar a súa parte proporcional da urbanización”. Dende o BNG afírmase que “o alcalde trata de enganar á xente dicindo que a Lei obriga a iniciar este proceso”. Neste momento xa está no Parlamento Galego un proxecto de modificación da Lei de Solo que deixará sen efecto a aprobada no ano 2002.

Xuntanza cos veciños e veciñas

Dende o BNG convocaron unha xuntanza con todas as persoas afectadas polo proxecto de delimitación dos polígonos. Nesta xuntanza participarán especialistas do BNG en asuntos urbanísticos que explicarán cales son as posibles alternativas á proposta do PP. A xuntanza celebrarase o xoves, 8 de maio, ás 21:00 horas no restaurante Soborvila (Outeiro de Rei).

Carta a Barreiro

Arcadio Lombao acusou ao alcalde popular de “impedir que se proceda, no pleno, á votación da urxencia das mocións presentadas polo BNG”. O voceiro do BNG en Outeiro de Rei anunciou que lle enviarán un escrito ao presidente provincial do PP. Xosé Manuel Barreiro ten manifestado,en diferentes ocasións, a súa contrariedade por este tipo de situacións nas institucións gobernadas por forzas políticas diferentes ao partido popular.

O BNG DE OUTEIRO DE REI PIDE AMPARO ANTE O VALEDOR DO POBO TRAS OS REITERADOS VETOS DO ALCALDE