O BNG PEDIRÁ A GRATUIDADE DOS LIBROS DE TEXTO NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO
Esta proposta, iniciativa da FAPACEL, vai encamiñada que se volte ao sistema de préstamo universal
Ademais os nacionalistas reivindican un programa municipal de axudas para o pago de comedores escolares para aquelas familias que non poidan afrontar este pago
Lugo, 30 de abril, 2014. O BNG levará ao pleno do concello de Lugo unha moción para pedir que se recupere a gratuidade dos libros de texto. Esta iniciativa está promovida pola FAPACEL (Federación Provincial de Asociacións de Pais e Nais de Centros Públicos de Ensino) e pretende que a Xunta implante de novo o sistema universal de préstamo para os libros escolares. Ademais o texto da iniciativa recolle tamén unha proposta para que avance na gratuidade total de todos os medios que se utilicen no ensino público e se doten os centros de persoal abondo para xestionar axeitadamente o sistema de préstamo.
Dende a FAPACEL tamén se insiste en que non se cambien os libros de texto para o vindeiro curso escolar naqueles cursos en que se vai implantar a LOMCE. A voceira do BNG mantivo unha xuntanza coa representante da FAPACEL, Elvira Lombao, para presentarlle o texto da moción que foi rexistrado no concello de Lugo. Paz Abraira dixo que mentres PP e PSOE se reparten as obras para comprar votos e vontades o BNG vai levar unha proposta pensando na xente e sobre un tema que afecta a gran número de familias. Paz Abraira sinalou que é a FAPACEL a organización que está abandeirando socialmente esta loita que o BNG comparte e considera xusta.
O vindeiro curso 2014/2015, a LOMCE entrará en vigor en 1º, 3º e 5º de Primaria e 1º de Formación Profesional Básica, o que obrigará o estudantado destes niveis a adquirir manuais adaptados aos novos decretos de ensinanzas mínimas. Isto, unido ao recorte do 40% do programa de financiamento de libros de texto e material escolar no ensino obrigatorio respecto ao ano anterior, pode provocar que unha parte do alumnado non poida acceder aos manuais necesarios para seguir as clases con normalidade.Ademais, na moción presentada polol BNG, inclúese a petición de que o Concello de Lugo asuma a implantación dun programa de axudas para o pago de comedores escolares para aquelas familias que non poidan afrontar este pago. As administracións teñen que poñer recursos para axudar a paliar estas cargas económicas que se fan máis pesadas para aquelas familias con máis dificultades afirmou Paz Abraira.
A CONFEDERACION ANPAS GALEGAS defende que non é un problema de prioridades das familias, como afirma o ministro de Educación cando se cuestionan os recortes nas axudas sociais á educación. É un problema de dereitos e, por tanto, é o titular de Educación quen debe ter como prioridade garantir ese dereito. O dereito fundamental á educación esixe que se dean conxuntamente determinadas condicións -boa parte das cales están implícita ou explicitamente fixadas polo texto constitucional-, cuxa garantía de cumprimento corresponde aos poderes públicos. Ademais, para que todo isto sirva á súa finalidade, hai que situar o alumnado nunha posición real de igualdade no acceso e mantemento do seu dereito á educación.