O BNG PIDE 1.000.000 DE EUROS PARA O CUARTEL DE SAN FERNANDO

O BNG PIDE 1.000.000 DE EUROS PARA O CUARTEL DE SAN FERNANDO

Entre as enmendas que os nacionalistas presentarán aos orzamentos da Xunta reclamarán o inicio das obras o Museo Nacional da Romanización

Para o parlamentario do BNG por Lugo, Cosme Pombo, “esta é unha demostración máis de que o goberno do partido popular na Xunta ten a Lugo abandonado”

LUGO, 25 de xaneiro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego presentará no Parlamento Galego unha enmenda para se inclúa, nos orzamentos da Xunta para este ano 2013, unha partida de 1.000.000 €. Esta partida estaría destinada ao comenzo das obras para a creación do Museo Nacional da Romanización no Cuartel de San Fernando. Segundo o parlamentario por Lugo, Cosme Pombo, “unha vez máis o BNG reclama que a creación deste Museo que será un referente para Lugo e para toda Galiza”. Pombo lembrou que “neste momento o edificio atópase nun lamentable estado de abandono e é preciso actuar para evitar o seu total deterioro”.

Esta demanda esta incluída na batería de enmendas que o BNG presentará aos orzamentos da Xunta. Unha demanda que, segundo Pombo, “ven sendo repetida ano tras ano polo BNG  e ignorada polo partido popular”. O parlamentario Cosme Pombo, referíndose á falta de asignación económica para o edificio do Cuartel de San Fernando por parte da Xunta, afirmou que “esta é unha demostración máis de que o goberno do partido popular na Xunta ten a Lugo abandonado”. A pesares dos tempos de crise que estamos vivir, para o BNG, non é de recibo que un proxecto como o do museo da romanización quede paralizado. Para o BNG resulta inconcebible que un edificio declarado BIC e situado no centro da cidade de Lugo se atope en semellante estado de abandono mentres o goberno galego mira para outro lado.

Cosme Pombo, que visitou o edificio do Cuartel de San Fernando acompañado de Antón Bao e Paz Abraira, insistiu en que “é necesario para Lugo e para Galiza a creación dun museo destas características”. Para o BNG é preciso que a Xunte tome medidas de cara a evitar o deterioro, cada vez maior, do edificio do Cuartel de San Fernando. Os nacionalistas insistiron tamén en que o museo da romanización é necesario para albergar e conservar a gran cantidade de restos arqueolóxicos que neste momento están desperdigados en diferentes edificios e nunhas condicións que non sempre son as máis aconsellables.

O BNG PIDE 1.000.000 DE EUROS PARA O CUARTEL DE SAN FERNANDO