O BNG DE LUGO ORGANIZA UNHA CHARLA SOBRE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS CO ALCALDE DE SAN SADURNIÑO

O BNG DE LUGO ORGANIZA UNHA CHARLA SOBRE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS CO ALCALDE DE SAN SADURNIÑO

O Concello de San Sadurniño foi pioneiro en Galiza e estabelecer esta canle de participación cidadá na redacción dos seus orzamentos municipais desde o goberno do BNG

Lugo, 23 de xaneiro de 2013. O BNG da comarca Lugo-centro organiza esta tarde, ás 20:00 horas, na galería Sargadelos unha charla e debate sobre orzamentos participativos que estará guiada polo alcalde nacionalista de San Sadurniño, Secundino García, un concello pioneiro en Galiza no estabelecemento de medidas de participación cidadá na redacción dos orzamentos municipais a través dos orzamentos participativos.

Este acto contará coa presenza do responsábel comarcal do BNG de Lugo, Mario Outeiro, así como dos concelleiros do BNG de Lugo, desde onde hai que lembrar que se reclamou ao goberno municipal lucense a adopción de medidas similares que favorezan a participación da xente na xestión do diñeiro do concello.

Desde o BNG do Concello de Lugo lévase reivindicando o estabelecemento duns orzamentos realmente participativos para que a cidadanía participe de decisións que lle afectan directamente, como por exemplo a priorización das obras a realizar nos seus barrios e parroquias. Nesta liña, o BNG aposta por un novo Regulamento de Participación Cidadá consensuado co movemento asociativo e veciñal que incida na democratización do Concello. A participación social foi sempre un dos alicerces da política do BNG por canto representa un medio imprescindible para que a política municipal se axeite mellor ás necesidades reais da poboación.

O BNG quere afondar na progresiva participación veciñal na elaboración do orzamento municipal participativo como modelo de xestión pública onde a cidadanía participe de maneira directa e voluntaria na asignación dos recursos económicos municipais e na transparencia no destino do gasto público. Os nacionalistas queren tamén que o proxectos de obras públicas sexan presentados á veciñanza afectada, de xeito que teñan coñecemento efectivo das súas características así como do seu cronograma de execución, garantido deste xeito a participación veciñal no seguimento e avaliación das actuacións para minimizar as molestias derivadas da realización das obras e optimizar o resultado final.

O BNG DE LUGO ORGANIZA UNHA CHARLA SOBRE ORZAMENTOS PARTICIPATIVOS CO ALCALDE DE SAN SADURNIÑO