O BNG PIDE CAMBIOS PARA MELLORAR O FUNCIONAMENTO DO SERVIZO DE TAXI NA CIDADE
Estes cambio supoñen facilitar a circulación destes vehículos de servizo público e procurar una forro para os clientes
As modificacións propostas polo BNG foron consensuadas co colectivo de taxistas da cidade
LUGO, 22 de xaneiro de 2013. O BNG presentará unha moción para o vindeiro pleno na que se solicitan diversos cambios no funcionamento do servizo de Taxi. Estes cambios pretenden unha mellora do servizo para os usuarios e tamén contribuir a axilizar a circulación destes vehículos, mellorando así, o tráfico na cidade e procurar un aforro económico para os usuarios. Os cambios afectan fundamentalmente á ubicación de algunhas paradas, ao transito dos taxis polo casco histórico e á optimización da circulación en diversas zonas da cidade. Segundo o voceiro nacionalista, Antón Bao, todas estas demandas foron consensuadas co colectivo de taxistas que pretenden dar un mellor servizo tanto aos lucenses como ás persoas que nos visitan ademais engadiu Bao todas estas medidas van encamiñadas a axilizar a circulación.
Antón Bao sinalou que a cidade cambiou e un servizo público, como é o taxi, tamén ten que actualizarse. A propostas que o BNG presentan esta moción que será debatida no pleno do vindeiro mes de febreiro están definidas en dous sentidos. Por unha banda formúlanse algunhas propostas referidas á ubicación das paradas de taxis e tamén outras dirixidas a diversos aspectos relacionados coa circulación dos mesmos.
No relativo aos cambios na ubicación das paradas, o voceiro do BNG, indicou que se solicita o cambio de ubicación da que está situada actualmente frente á facultade de veterinaria para situala na praza de Augas Férreas. Tamén se pretende o cambio da parada do barrio da ponte para situala na outra marxe do río. Ademais o BNG fai varias propostas, no referente á circulación destes vehículos de servizo público, polo casco histórico e polas rúas da cidade.
Un dos cambios circulatorios pretendidos é que se autorice a saída dos taxis situados na parada de Comandante Manso cara a rúa de San Roque. Así os taxistas evitarán ter que dar unha volta completa á mazá para incorporarse á ronda da Muralla cousa que, en moitas ocasións, desperta a suspicacia dos clientes ao volver a pasar polo punto de partida. Outra das propostas para axilizar a circulación é que se autorice o cambio de sentido para o taxis que circulan polo Av. de Ramón Ferreiro, en dirección ao centro da cidade, no cruce entre a Av. de Ramón Ferreiro e Salvador de Madariaga.
MOCIÓN RELATIVA Á MELLORA DO SERVIZO DE TAXI NO CONCELLO DE LUGO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A mellora constante dos servizos de transporte público en Lugo debe ser eixo de traballo do goberno e da corporación municipal. Nese eido un servizo público coma o taxi merece tamén unha atención regular para ir mellorando aquelas cuestións que favorezan ás/aos usuarios do mesmo, tanto lucenses como visitantes, así como ao propio colectivo de taxistas.
Unha cidade vai cambiando ao longo dos anos e iso supón ir adaptando moitos elementos a eses cambios. Neste sentido, tanto a ubicación das paradas de taxis coma a circulación dos mesmos precisa desa adaptación relacionada coas transformacións da cidade.
O BNG impulsa con esta iniciativa unha serie de modificacións neses dous ámbitos froito dunha proposta consensuada coa directiva do colectivo de taxis de Lugo, así como impulsar a labor do Concello como garante da calidade deste servizo.
Esta proposta ten dous eixos de actuación: un en canto á redistribución de paradas con tres propostas concretas, e outro en canto a modificacións na circulación que se advirten serán beneficiosas para os usuarios , para o servizo público de taxi e, en xeral para o tráfico da cidade.
En base a isto o BNG propón que o pleno deste concello adopte, para ser executados polo goberno municipal, os seguintes ACORDOS:
1. Modificar a seguintes paradas de taxis:
- Creación dunha nova parada na zona de Augas Férreas á altura do número 8 da mesma, logo da esquina coa Rúa Vazquez Seijas e antes do comezo da Rúa Antonio Rosón
- Cambio de ubicación da situada no barrio da Ponte, trasladándoa á outra marxe do río.
- Supresión das ubicadas na Avenida Carbalho Calero á altura da Facultade de Veterinaria e a de Carlos Azcárraga.
2. Efectuar as adaptacións circulatorias que se especifican a continuación:
Autorizar a circulación dos vehículos con licencia de taxi en zonas peonís de vehículos autorizados:
RESIDENTES E COMERCIAIS | ITINERARIOS | |
1 | Rúas Raiña, Xoán Montes e Nóreas | Entrada e saída por Rúa Progreso. No caso da Rúa Raiña saída tamén pola Porta do Campo Castelo |
2 | Rúa San Froilán, Rúa Nova (tramo comprendido entre a Porta Nova e Rúa Montevideo) e Amor Meilán | Entrada pola Rúa San Froilán e saída pola Rúa Nova cara Bolaño Rivadeneira. O tramo comprendido entre a Porta Nova e San Froilán e a Rúa San Froilán, saída pola Rúa San Froilán. |
3 | Rúa Anxo Fernández Gómez, Praza Maior, Rúa Bispo Aguirre e Praza e Rúa Campo Castelo | Entrada por Bispo Aguirre e porta Santiago e saída por Porta Campo Castelo e Porta Aguirre |
4 | Rúa Tenente Coronel Teijeiro, Rúa Armanyá, Gustavo Freire e Doutor Castro | Entrada pola Rúa Tenente Coronel Teijeiro e saída por Armanyá. Os residentes das rúas Doutor Castro e Conde Pallares entrada pola Rúa Armanyá e saída por Praza Maior. |
5 | Rúa Falcón, Miño, Praza da Soidade, Tinería, Bispo Basulto, Rúa Nova (entre Rúa Montevideo e Praza do Campo) e Praza do Campo | Entrada por Porta do Carme e saída por Rúa Tinería, Catedral (se hai espazo) e rúa Bispo Basulto. Os días de festa saída por porta do Carme, Rúa Nova e Praza da Soidade. |
6 | Rúa Clérigos, Catedral, Praza Alférez Provisional, Praza de Santa María e Praza Pío XII e Rúa Bo Xesús. | Entrada por Porta Santiago e Bispo Aguirre e saída por Rúa Bispo Aguirre. |
7 | Rúa San Pedro | Entrada e saída pola Rúa Progreso e o tramo comprendido entre Rúa Nóreas e Porta San Pedro, saída cara Campo Castelo. Tramo comprendido entre a Rúa Progreso e Praza Anxo Fernández, saída cara Anxo Fernández. |
8 | Rúa Cruz | Entrada por Tenente Coronel Teijeiro, Conde Pallares, Cruz. Saída por Bispo Basulto, Praza de Santa María, Casas Novoa e Bispo Aguirre. Outra posibilidade será a saída pola Rúa Nova, Praza da Soidade. |
9 | Bispo Aguirre (Tramo entre Ronda da Muralla e Irmáns Pedrosa | Entrada desde Irmáns Pedrosa |
10 | Rúa San Marcos | Entrada e saída pola Praza do Ferrol, a través do tramo de ronda interior da muralla e o calexón da Deputación. |
2. Outras adaptacións de circulación:
- Por regra xeral que os taxis poidan xirar nos mesmos lugares que o bus urbano por tratarse de transporte público.
- Permitir aos taxis o cambio de sentido, cando circulan por Ramón Ferreiro en dirección ao centro da cidade, xirando á esquerda no cruce Ramón Ferreiro con Salvador de Madariaga.
- Permitir a saída aos taxis desde a parada localizada na Praza Comandante Manso cara a rúa San Roque en dirección ao centro da cidade.
- Permitir xirar aos taxis desde a avenida da Coruña, cando circulan en dirección ao centro da cidade, á esquerda para acceder á rúa Ramiro Rueda