O BNG PIDE QUE O CONCELLO RETIRE AS SÚAS CONTAS BANCARIAS DAS ENTIDADES QUE EXECUTEN DESAFIUZAMENTOS
O BNG tamén proporá a creación dun punto de información e que a policía local non interveña nas execucións dos desafiuzamentos de primeiras vivendas
LUGO, 21 de xaneiro de 2013. A edil nacionalista Paz Abraira informou que o BNG proporá, na comisión especial de desafiuzamentos, tres actuacións para efectivizar dende o concello de Lugo. A comisión especial de desafiuzamentos reunirase na tarde de hoxe por segunda vez. Esta comisión está formada por persoal técnico do Concello de Lugo, membros dos colectivos de afectados polas hipotecas, asociacións de veciños da cidade, colexo de avogados, e representantes de todos os grupos políticos. Para o BNG, explicou Abraira, é fundamental que sexa un organismo útil para as persoas afectadas. O BNG xa reclamara, en dúas ocasións, a celebración desta xuntanza para a que se acordara unha periodicidade quincenal.
As demandas do BNG, nesta comisión, centraranse en tres puntos fundamentais. Por unha banda o BNG pedirá que concello cancele as contas bancarias que o concello teña en entidades que estén a executar desafiuzamentos de primeiras vivendas a persoas que neste momento non teñen recursos para afrontar o pagamento das hipotecas. Ademais dos datos relativos ao número de desafiuzamentos que están a efectivizar as distintas entidades bancarias, o concello deberá coñecer os datos sobre o número de contas bancarias municipais en cada unha das entidades e as condicións das mesmas.
O BNG tamén demandará do goberno municipal que a policía local deixe de actuar, como forza pública, naquelas actuacións nas que se demanda a súa presenza para executar desaloxos. A pesares de que son os xulgados quen demanda a presenza da policía local nestes casos é o alcalde quen ten o mando sobre a policía local.
Outra das propostas que os nacionalistas levarán a esta comisión será a creación dun punto de atención municipal ás persoas afectadas por desafiuzamentos para facilitarlles todas as tramitacións. Así mesmo tamén se solicitará que se abra unha nova bolsa de alugueiro de vivendas que teña en conta, especialmente, os casos de persoas e familias desafiuzadas. O concello deberá, segundo Abraira, ter algúns pisos dispoñibles para acoller a familias que se poidan atopar na rúa ao efectuarse algún desafiuzamento. Paz Abraira informou, tamén, que foi unha proposta do BNG incluír nos orzamentos, no apartado de emerxencia social, unha partida económica destinada ao pago de recibos de hipotecas das persoas que se atopen en risco de ser desafiuzadas.