O BNG ESÍXELLE Á XUNTA 2.154.000 EUROS PARA MANTER OS SERVIZOS DE BENESTAR EN LUGO

O BNG ESÍXELLE Á XUNTA 2.154.000 EUROS PARA MANTER OS SERVIZOS DE BENESTAR EN LUGO

O grupo provincial do BNG levará mañá ao pleno da Deputación unha moción na que esixe que a Xunta introduza esta cifra nos orzamentos de 2013

Mario Outeiro asegurou que “toda a política e intencións do goberno do PP consisten en desvincularse de calquera tipo de compromiso co mantemento do sistema de benestar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes

Lugo, 28 de xaneiro de 2013. O Grupo do Bloque Nacionalista Galego na Deputación de Lugo defenderá no vindeiro pleno, que se celebrará mañá, unha moción na que se insta ao Parlamento de Galiza a que a Xunta recolla nos seus orzamentos 2.154.000 euros para o mantemento do sistema público de Benestar na provincia de Lugo. Para o portavoz do BNG na Deputación de Lugo, o nacionalista Mario Outeiro, “a Xunta de Galiza vén executando desde 2010 un drástico recorte nos fondos destinados ao mantemento do sistema galego de benestar, recorte que ten unha especial incidencia naquelas comarcas de Galiza cunha poboación máis envellecida, como son as que compoñen o territorio lucense”.

Mario Outeiro asegurou que “toda a política e intencións do goberno do PP consisten en desvincularse de calquera tipo de compromiso co mantemento do sistema de benestar nos Concellos de menos de 20.000 habitantes até o punto de obrigar a outras administracións a asumir competencias sen acompañar a estas de financiamento. Xa o vimos e xa o padecemos no caso concreto da negativa da Xunta de Galiza de achegar fondos para o mantemento do SAF Básico, das unidades do traballo social, dos centros de maiores e das escolas infantis nos Concellos de menos de 20.000 coas consecuencias derivadas para o sectores que máis precisan do sector público e tamén en termos de emprego”

Nesta liña, explicou Mario Outeiro, desde o BNG presentaremos mañá no pleno da Deputación unha iniciativa para chegar a un acordo, para o que contamos co apoio do socio de goberno, para instar ao Parlamento de Galiza a que a Xunta recolla nos seus orzamentos de 2013 a cantidade de 2.154.000 euros para o mantemento do sistema público de Benestar na provincia de Lugo, unha cifra que desde a entrada de Feijóo na Xunta de Galiza deixou de aportar para o benestar das familias lucenses.

“Desde a área de Benestar Social na Deputación, onde o BNG ten competencias de goberno –afirmou Mario Outeiro- seguiremos apostando polas persoas, o que require facer un esforzo económico para poder por en marcha políticas públicas que garantan o seu benestar social.  Os nosos obxectivos de goberno son totalmente opostos aos do Partido Popular que dende a Xunta de Galiza se desentendeu da prestación de servizos sociais vitais para centos de maiores do rural como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) básico e as unidades de traballo social que deixou de financiar en todos os concellos con menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos os da provincia de Lugo agás a capital. O Goberno galego abdicou das súas competencias e traspasou o seu exercicio ás deputacións pero sen asignación económica algunha”.

O BNG ESÍXELLE Á XUNTA 2.154.000 EUROS PARA MANTER OS SERVIZOS DE BENESTAR EN LUGO