ANTÓN BAO AFIRMOU QUE “O IBI DO APARCADOIRO DO SEMINARIO SUPORÍA UNS 200.000 € DE INGRESOS ANUAIS"

ANTÓN BAO AFIRMOU QUE “O IBI DO APARCADOIRO DO SEMINARIO SUPORÍA UNS 200.000 € DE INGRESOS ANUAIS"

O BNG pide que o concello de Lugo lle cobre o IBI aos inmobles da igrexa para que o paguen “relixiosamente” como todos os lucenses

Recentemente unha sentencia, dictada polo contencioso, deulle a razón ao concello de Allariz para efectuar o cobro do IBI á diocese de Ourense

LUGO, 29 de xaneiro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu voceiro municipal, presentou, ante a comisión especial de contas, un escrito reclamando que o concello de Lugo lle pase ao cobro o IBI de todos aqueles inmobles e fincas ubicadas no Concello de Lugo, pertencentes á igrexa ou congregacións relixiosas para que “paguen relixiosamente como o resto dos cidadáns e empresas do concello de Lugo”.

A petición dos nacionalistas refirese principalmente a inmobles que, como cualificou Antón Bao, “son auténticos negocios polos que a igrexa non paga ao concello como é o caso do aparcadoiro do Seminario”. Bao cifrou en 200.000 € a cuantía que o concello está deixando de ingresar anualmente tan so polo IBI do aparacadoiro do Seminario. Bao explicou que neste momento o concello non está cobrando o IBI deste ben xa que a igrexa católica acolleuse a unha clausula da lei de mecenazgo para evitar o seu pagamento.

A estes 200.000 € habería que sumar o importe de todos os edificios e fincas que a igrexa posúe no territorio do concello de Lugo e que non están suxeitos ao concordato establecido entre o estado español e o estado vaticano. O BNG tamén demandou do goberno municipal que se realice un inventario deses bens inmobiliarios para coñecer todos aqueles afectados e susceptibles de cobro.

Antón Bao explicou que “existen sentenzas xudiciais recentes que avalan a obriga da Igrexa de realizar este pagamento en igualdade de condicións que o resto da cidadanía”. Recentemente o Xulgado do Contencioso administrativo nº2 de Ourense fallaba a favor do Concello de Allariz a respecto do pagamento do IBI por parte da igrexa católica. Deste xeito o concello alaricano poderá cobrar o correspondente imposto a aqueles bens propiedade da igrexa que fican fóra dos supostos recollidos polo Concordato.

O BNG xa defendera, no pasado mes de maio, unha moción no pleno municipal na que se instaba ao  goberno do Estado a revisar e modificar os acordos internacionais asinados coa Santa Sé para adecuarse ao carácter aconfesional do Estado español, e que supoñan a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica e nomeadamente permita a suxeición ao IBI do seu patrimonio. Naquel momento a moción fora aprobada cos votos favorables do BNG e dos socialistas e contou coa oposición do grupo do PP.

 

ANTÓN BAO AFIRMOU QUE “O IBI DO APARCADOIRO DO SEMINARIO SUPORÍA UNS 200.000 € DE INGRESOS ANUAIS"