COSME POMBO ESIXE Á XUNTA A VIABILIDADE DE ALIMENTOS LÁCTEOS XA QUE FOI A SÚA AVALISTA
O deputado lucense do BNG no Parlamento Galego considera que a Xunta non pode deixar morrer agora por mala xestión unha iniciativa que ela mesma avalou con 9.4 millóns de euros
Cosme Pombo afirma que desde o BNG consideramos tres prioridades: que os gandeiros cobren polo leite entregado que se lles adebeda, garantir a viabilidade e os empregos da factoría e que a Xunta se implique para que o proxecto teña futuro e continuidade para que o leite producido en Galiza xere riqueza en Galiza
Nesta liña, Pombo recordou que desde o grupo parlamentar do BNG presentamos nos últimos meses unha xeira de iniciativas nesta liña, ademais de manter xuntanzas cos produtores afectados e tamén co comité de empresa
Lugo, 30 de xaneiro de 2013. O deputado lucense do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, reclamou unha implicación manifesta da Xunta de Galiza para garantir a viabilidade de Alimentos Lácteos. Desde o BNG defendemos que a Xunta non pode deixar morrer agora por mala xestión unha iniciativa que ela mesma avalou con 9.4 millóns de euros. A situación económica desta empresa foise deteriorando a cada paso malia terse achegado cuantiosos recursos públicos por parte de diferentes departamentos dependentes da Xunta de Galiza. Esta situación crítica non pode ser de recibo cando se ten optado por este proxecto como o máis serio e viable dende a Xunta de Galiza, e neste momento a sombra do peche é unha opción a concretar en calquera intre, logo que o deterioro do proxecto pode precipitar a perda de clientes dun produto de boa referencia no sector alimentario.
Cosme Pombo afirma que desde o BNG consideramos tres prioridades: que os gandeiros cobren polo leite que xa teñen entregado e polo que se lles adebedan grandes cantidades, que o goberno galego se poña a traballar para garantir a viabilidade e os empregos da factoría e que a Xunta se implique para que o proxecto teña futuro e continuidade para que o leite producido en Galiza xere riqueza en Galiza. A xuízo do Bloque Nacionalista Galego, manter o emprego na factoría de Outeiro de Rei e recuperar a súa actividade empresarial é fundamental para facer viable o proxecto de base cooperativa e para xerar riqueza e emprego en comarcas cunha importante produción leiteira e tamén para consolidar e aumentar o valor do noso sector lácteo, no camiño de conseguir un Grupo Lácteo Galego. Por iso á vista do papel tan relevante que tivo a Xunta de Galiza na aposta pola opción de Alimentos Lácteos debe ser esta ante a delicada situación a día de hoxe a que actúe para garantir a continuidade da actividade, o mantemento dos postos de traballo e garantir que as e os gandeiros non se vexan prexudicados por esta situación.
O deputado do BNG no Parlamento Galego quixo lembrar que desde o BNG sempre defendemos as apostas que van no camiño de poñer en valor os nosos sectores produtivos, e o sector lácteo é básico para garantir o equilibrio do noso País, por iso mantivemos sempre unha liña de traballo desde que tivemos constancia da problemática de Alimentos Lácteos. Desde o grupo parlamentar do BNG presentamos nos últimos meses unha xeira de iniciativas nesta liña, ademais de manter xuntanzas cos produtores afectados e tamén co comité de empresa na procura da mellor solución posíbel.
Tres anos despois de comezar a súa andanza, a situación actual da empresa Alimentos Lácteos S.A. é crítica. Dunha banda é notorio o esmorecemento do proxecto de base cooperativa, pois moitas das cooperativas non están a achegar o seu leite, tanto polos impagos da materia prima, como polas continuas desavinzas co modelo de representación polo que optou Alimentos Lácteos e que tivo o beneplácito do Goberno da Xunta. Doutra banda un profundo cambio no sistema de xestión e de créditos sucedidos no derradeiro ano, polo cal non se está a inverter en materia prima, chegando a darse a situación crítica que non ter capacidade de abastecer á demanda das marcas propias, que, ate o de agora, foron o seu maior valor engadido.
Hai que lembrar que o BNG considerou no seu momento que manter a factoría de Outeiro de Rei era clave para a consecución dun grupo lácteo galego, e así o entenderon tamén as principais cooperativas agrarias de Galiza que ofreceron, no seu día, alternativas viábeis para comprar e manter activa a fábrica de Pascual se, para isto, contaban co apoio e colaboración da Xunta de Galiza, tendo en conta que o goberno galego debe impulsar aquelas accións empresariais encamiñadas a crear riqueza e emprego no noso País. Non obstante, a iniciativa que a Xunta de Galiza avalou foi a de Alimentos Lácteos fronte á outra serie de cooperativas, polo que non nos queda máis que esixir agora que sexa a Xunta de Galiza quen actúe para garantir a continuidade da actividade, o mantemento dos postos de traballo e garantir que as e os gandeiros non se vexan prexudicados por esta situación.