O BNG pide inversión na cultura de base e convocará unha xuntanza de colectivos culturais
Hai que deixar de entregar os cartos da cultura ás empresas construtoras e dar un apoio real á xente que traballa na cultura de base dixo Maite Ferreiro
Feijoo menospreciou aos colectivos culturais, ás institucións que fan traballo no eido cultural e aos grupos que representamos á veciñanza de Lugo
Lugo, 21 de abril 2016. A edil do BNGAsembleas Abertas no concello de Lugo, Maite Ferreiro, anunciou hoxe que o vindeiro domingo convocará unha xuntanza aberta de colectivos e persoas vencelladas á cultura para analizar as políticas culturais que se están a levar a cabo no concello de Lugo. Despois de ver a actitude do presidente da Xunta, que menospreciou aos colectivos culturais, ás institucións que fan traballo no eido cultural e aos grupos que representamos á veciñanza de Lugo, entendemos que a aposta é polas construtoras e non pola cultura dixo Maite Ferreiro.
Ferreiro sinalou que ninguén en Lugo, agás o PSOE e o PP, coñece o novo o auditorio e criticou que en ningún momento da elaboración do proxecto nin da construción do edificio se falou coa xente que traballa no eido cultural en Lugo e engadiu que parece que Feijoo e Alcaldesa se atoparon agusto ignorando que o concello de Lugo ten 6 grupos políticos que representan ás veciñas e veciños. Para o BNG Asembleas Abertas a visita ao novo edificio é sintomático das previsións que ten o goberno municipal e o da xunta á hora de encher de contido esta nova instalación nin lles preocupa, nin teñen idea do que van facer neste espazo.
Para a edil nacionalista resulta revelador o dato de que as construtoras levaron 20 millóns de euros, haberá que invertir outros 3 ou 4 millóns antes de abrir o novo auditorio, o MIHL costou máis de 11 millóns de euros e agora entrégaselles ás eléctricas 100.000 euros anuais; o edificio do antigo cárcere ronda os 6 millóns de euros e segue sen rematar. O tecido asociativo lucense so recibe 98.000 dos 1.323.000 que se destinan ás axudas nominativas dixo Ferreiro e explicou que estas cifras deixan claro que a política cultural faise pensando nas empresas concesionarias e non na actividade cultural.
Xuntanza con colectivos e entidades culturais
Xuntanza este domingo ás 19:30 o BNG Asembleas Abertas convocará un acto aberto con colectivos culturais e persoas relacionadas coa cultura para falar da política cultural no concello de Lugo, das instalacións que están aínda pechadas e das que non funcionan. Para os nacionalistas a cultura faise con persoas e non con ladrillo.