A futura praza da Mosqueira debe pensarse para que teña vida e sexa parte dun novo Lugo
A recepción de visitantes, o ocio infantil e espazo para eventos do San Froilán ou Arde Lucus deben estar na mente de quen proxecte este novo espazo a gañar para a cidade
Para o BNG Asembleas Abertas hai que pensar a medio-longo prazo cales van ser os usos dese novo espazo e contar coa opinión de todo o mundo
Lugo, 20 de abril 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, sinalou que a futura praza da Mosqueira ten adaptarse ás necesidades e á vida da cidade para que sexa un espazo vivo e sexa parte dun novo Lugo pensado para as persoas. A construción da nova praza e o proxecto de peonalización deste espazo non se pode facer como unha obra máis para cubrir expedente e gastar cartos públicos o voceiro nacionalista indicou que debemos utilizar a intelixencia colectiva e pensar a medio-longo prazo cales van ser os usos dese novo espazo e contar coa opinión de todo o mundo.
Un dos usos propostos dende o BNG Asembleas Abertas por que é unha necesidade na zona centro da cidade é a instalación dunha zona de ocio infantil que se adapte ás características da zona en canto ao deseño e ubicación. A zona centro da cidade non conta con zonas de ocio para absorber toda a demanda existente e unha nova zona de xogo nas inmediacións do centro da cidade serviría para aliviar as aglomeracións que se dan no parque infantil do Campo Castelo.
Para o BNG Asembleas Abertas a Mosqueira debe ser un dos puntos principais de recepción aos visitantes á cidade a nova praza debe planificarse como punto de referencia para turistas e visitantes e o seu deseño ten que poñer en valor a Muralla como principal elemento patrimonial de Lugo. A situación da Mosqueira, preto da estación de autobuses e ferrocarril, supón un emprazamento privilexiado para a organización de rutas turísticas ou a creación de espazos que sirvan para facilitar información turística ás persoas que chegan a Lugo.
A zona da Mosqueira tamén debería deseñarse para ter a posibilidade de organizar eventos de grande magnitude nas festas principais da cidade como o San Froilán ou o Arde Lucus. Segundo explicou Rubén Arroxo a zona da Mosqueira é un emprazamento privilexiado pola súa proximidade ao casco histórico e, ademais, reduciríanse considerablemente as molestias á veciñanza dado que, neste momento, é unha zona na que existen poucas vivendas habitadas.