Rubén Arroxo e Fiz López contaron a experiencia como voluntarios coas persoas refuxiadas en Pireo
Na que foi a primeira das charlas, que os dous voluntarios levarán por toda Galiza, explicaron cal é situación nos campos de refuxiados e proxectaron imaxes da súa viaxe
Son persoas coma nós, os nenos falaban o inglés mellor ca min e para poder saír dos seus paises tiveron que pagarlle ao DAESH dixo Rubén Arroxo
Lugo, 19 de abril 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, ofreceu unha charla para explicar cal é a situación das persoas refuxiadas da guerra de Siria. Arroxo estivo acompañado de Fiz López, outro dos voluntarios que viaxou ata Pireo, e durante a charla proxectaron imaxes da súa viaxe a Pireo e do traballo que desenvolveron durante a súa estancia na localidade de Pireo en Grecia. Rubén Arroxo e Fiz López, que están comprometidos coas organizacións que están a recoller en Galiza fondos e materiais para enviar aos campos de refuxiados, xa teñen previsto desprazarse a varios concellos galegos e centros escolares para relatar a súa experiencia.
Rubén Arroxo e Fiz López estiveron traballando como voluntarios durante unha semana nos campos de refuxiados situados no porto de Pireo en Grecia. Arroxo explicou que o traballo do voluntariado era autoorganizado e concretábase en xuntanzas que cada día se realizaban ás 23:00 horas para repartir o traballo do día seguinte. O traballo dos dous voluntarios lucenses centrouse, fundamentalmente, na organización de actividades para os centos de nenos alí presentes.
Na súa experiencia coñeceron as vivencias de moitas persoas de orixe Siria, Afgana, ou Kurda que sairon dos seus paises coas cousas que foron capaces de meter nunha bolsa. Son persoas coma nós, os nenos falaban o inglés mellor ca min e para poder saír dos seus paises tiveron que pagarlle ao DAESH dixo Rubén Arroxo. Para o goberno de Grecía, neste momento, é un problema que os cruceiros que chegan cargados de turistas se atopen coa realidade dos refuxiados e por iso están a sacalos dos portos explicaron.