O BNG-AA propón a peonalización do tramo da Mosqueira na ronda da Muralla
No día internacional da bicicleta os nacionalistas reclamaron a execución do acordo plenario para o impulso da utilización da bicicleta
Rubén Arroxo lembrou que está pendente de executar a conversión das rúas en zona 30 e a implementación de medidas que favorezan o uso da bicicleta
Lugo, 19 de abril 2016. O BNG Asambleas Abertas levará ao vindeiro pleno do concello de Lugo unha proposición para acordar iniciar o proceso de peonalización do tramo da Mosqueira. Rubén Arroxo anunciou esta iniciativa no día internacional da bicicleta e dixo que a Mosqueira é o símbolo emblemático da nosa cidade e un dos pasos que temos que dar para poñelo en valor é a peonalización deste tramo da ronda da Muralla. O voceiro do BNG AA afirmou que a peonalización da muralla de Lugo é un proceso necesario e imparable no que nos temos que implicar para facer de Lugo unha cidade máis humana.
Rubén Arroxo felicitou ao goberno municipal polo anuncio feito sobre a instalación de prazas de aparcamento para bicicletas na cidade mais reclamou que se inicie a posta en marcha de medidas reais que sirvan para incentivar o uso da bicicleta e este é o momento idóneo xa que a primavera é o tempo no que as persoas se animan a utilizar este medio de transporte. Arroxo desplazouse, xunto con compañeiros e compañeiras do BNG, ata a praza de Nemesio Cobreros para anunciar esta iniciativa e sinalou que nesta praza existe unha desas bases de bicicletas que leva anos abandoadas.
Arroxo reclamou, tamén, a posta en marcha do servizo público de préstamos de bicicletas e sinalou que no ano 2008 o programa Rebiciclate chegou a ter 600 usuarios e lembrou que existen 5 bases de aparcamento situadas nos Xardíns de Simón Bolívar, no Parque da Milagrosa, na Praza do Ferrol, na Rúa Alcalde López Pérez e no Campus Universitario. A día de hoxe as bases están totalmente abandoadas e sen utilidade algunha. O voceiro nacionalista tamén se referiu aos anuncios do goberno local socialista de incluír partidas nos pasados orzamentos para recuperar este servizo partidas que, ou non se incluíron, ou non se executaron.
No pleno de setembro do ano 2015, a corporación municipal aprobou por unanimidade unha iniciativa do Colectivo Masa Crítica, que fora trasladada ao pleno polo BNG AA, que recollía os seguintes seis puntos de acordo: 1- Converter a cidade en "Zona 30", poñendo o límite de velocidade en 30km/h en toda a zona urbana salvo xustificadas excepcións. 2- Crear un carril-bici transversal que una Garabolos co Campus, a través da Avenida de Madrid, Ramón Ferreiro e Avenida da Coruña, apostando por converter esta última en sentido único de saída dende a ronda da Muralla ata o Parque da Milagrosa. 3- Crear un carril-bici na Avenida Infanta Elena que una o Ceao ca rúa Paradai. 4- Creación de aparcadoiros de bicicletas, cubertos e vixiados nos diferentes barrios de Lugo. 5 - Recuperación do servizo de préstamo de bicicletas. 6 - Solicitar a inclusión de Lugo na Rede de Cidades pola Bicicleta.