O BNG PIDE QUE SE PRIME ÁS EMPRESAS DO CASCO HISTÓRICO QUE APOSTEN POLO GALEGO

O BNG PIDE QUE SE PRIME ÁS EMPRESAS DO CASCO HISTÓRICO QUE APOSTEN POLO GALEGO

Os nacionalistas reclaman que nas axudas do plan Urban, para rotulación de establecementos, se valore positivamente a utilización do noso idioma

Bao dixo que “temos que ter unha actitude positiva de cara ao noso idioma e incentivar o uso da nosa lingua, dun xeito normal, nos establecementos do casco histórico”

Lugo, 25 de abril de 2013. Antón Bao, como voceiro do BNG no concello de Lugo, reclamou que “o concello faga unha discriminación positiva daqueles que utilicen o galego á hora de conceder as axudas do Plan Urban para rótulación de establecementos”. Así o BNG presentou un escrito solicitando que  se proceda á corrección das bases e que se inclúa a correspondente baremación para primar, á hora da concesión, a aqueles solicitantes que fagan uso do idioma galego á hora de instalar rótulos e cartelería. Antón Bao dixo que o concello debe de “ter unha actitude positiva de cara ao noso idioma” e “incentivar o uso da nosa lingua, dun xeito normal, nos establecementos do casco histórico”.

Bao lembrou que “o compromiso de impulsar o uso do galego neste ámbito xa quedou recollido na ordenanza municipal de uso do galego que foi aprobada por todos os grupos políticos da corporación”. Son diversos os textos referidos á normalización lingüística que incorporan articulado relativo á importancia de potenciar, por parte das administracións públicas, o uso do galego neste tipo de actuacións.

O Concello de Lugo vén de publicar o anuncio coas bases que rexerán a convocatoria de axudas a empresas da zona URBAN para a instalación de terrazas, rótulos e mellora de fachadas. Estas teñen como obxectivo o desenvolvemento integrado do centro histórico da cidade e contemplan a mellora da paisaxe urbana a través de actuacións en elementos como os rótulos e a cartelería. O Plan Xeral de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia propón, nalgunha das súas medidas, incorporar como criterio das concesións de axudas públicas ou contratos coa Administración Pública a implicación da empresa no uso do galego, introducindo en todas as axudas unha cláusula de promoción do galego.

O propio Concello de Lugo, na súa Ordenanza Municipal de uso do Galego, a posibilidade de outorgar reducións ou bonificacións de obricas fiscais e/ou subvencións, para as actuacións relacionadas coa normalización lingüística. Na Ordenanza Municipal de uso do Galego, dise tamén que na concesión de subvencións municipais valorarase que as actividades realizadas contribúan a normalizar o uso da lingua galega.

O BNG PIDE QUE SE PRIME ÁS EMPRESAS DO CASCO HISTÓRICO QUE APOSTEN POLO GALEGO