O BNG ESIXIU NO CONGRESO DOS DEPUTADOS O ARRANXO DA ESTRADA LUGO-MEIRA

O BNG ESIXIU NO CONGRESO DOS DEPUTADOS O ARRANXO DA ESTRADA LUGO-MEIRA

Rosana Pérez reivindicou, con cargos do BNG, que o Ministerio de Fomento se faga cargo desta vía que é a comunicación principal entre Lugo, a Terra Chá, a Mariña e Asturias

O firme da N-640 atópase nun deficiente estado de conservación e esto pode provocar accidentes nesta estrada que asume un importante volume de tráfico

LUGO, 27 de abril de 2013. O BNG presentou esta semana unha iniciativa no congreso dos deputados para que o goberno do estado se faga cargo dos arranxo do firme da estrada N-640 (Lugo-Meira). “O firme da N-640 atópase nun deficiente estado de conservación e esto pode provocar accidentes nesta estrada que asume un importante volume de tráfico” asegurou Rosana Pérez e explicou que “cando chove fórmanse bolsas de auga que se converten nun auténtico perigo para a seguridade vial”. Cargos orgánicos e institucionais dos concellos de Lugo, Pol, Castro de Rei, A Pastoriza e Meira acompañaron á deputada do BNG no congreso dos deputados, Rosana Pérez, nunha visita na que quedou patente o mal estado no que se atopa a estrada N-640.

Rosana Pérez insistiu na importancia desta vía de comunicación que conecta Lugo coa Terra Chá, coa Mariña e con Asturias. A deputada do BNG dixo que “o Ministerio de Fomento ten que tomar man desta estrada que é da súa titularidade”. Nesta mesma iniciativa o BNG insta ao Ministerio de Fomento a que destine os fondos precisos para acometer as obras de mellora do firme na N-640 entre Lugo e Meira. A deputada nacionalista no congreso dos deputados lembrou que o BNG xa presentara, no seu momento, as correspondentes emendas aos orzamentos do estado para que foran previstos os fondos necesarios para acometer estas obras.

Segundo explicou a deputada do BNG “con esta iniciativa pretendemos chamar a atención do ministerio e lebrarlle ao goberno do estado que Lugo e a súa comarca tamén existen”. Rosana Pérez lamentou o continuo abandono que o goberno do estado fai da provincia de Lugo e asegurou que existen serias dúbidas de que o propio Ministerio sexa coñecedor do estado no que se atopa este vial.

A responsabel comarcal do BNG, Esther López, apuntou que “o BNG considerou necesaria facer esta demanda dende todos os concellos que atravesa esta estrada N-640 por que o seu mal estado afecta a moita xente destes concellos, da comarca e mesmo ás persoas que transitan dende Lugo cara Asturias”. Ademais da deputada no congreso, Rosana Pérez, e a responsabel comarcal do BNG, Esther López, estiveron presentes a Tenente de Alcalde no concello da Pastoriza, Elba Carrera, a edil do concello de Lugo, Paz Abraira, e os responsabeis locais do BNG nos concellos de Castro de Rei, Meira e Pol.

O BNG ESIXIU NO CONGRESO DOS DEPUTADOS O ARRANXO DA ESTRADA LUGO-MEIRA