OS DEPUTADOS DO PP NO CONGRESO DEBEN SER DECLARADOS PERSOAS “NON GRATAS” NO CONCELLO DE LUGO

OS DEPUTADOS DO PP NO CONGRESO DEBEN SER DECLARADOS PERSOAS “NON GRATAS” NO CONCELLO DE LUGO

No vindeiro pleno da corporación debaterase unha moción do BNG para reprobar aos 15 deputados galegos do PP que no congreso votaron a favor da quita das preferentes

LUGO, 30 de abril de 2013. O BNG levará unha moción ao pleno do concello de Lugo para pedir que a corporación declare persoas non gratas, no concello de Lugo, aos 15 deputados e deputadas do PP de Galiza. Un dos deputados populares, aos que se refire o BNG na súa proposta, é o parlamentario por Lugo Joaquín García Díez que participou activamente na votación para que se aplicara a quita ás persoas afectadas. Antón Bao explicou que preto de 9.000 familias lucenses están afectadas pola estafa das participacións preferentes e débeda subordinada, e engadiu que todos estes aforradores teñen os seus aforros “secuestrados” polas entidades financeiras e principalmente por novagaliciabanco.

Esta proposta, que o BNG levará ao pleno, está refrendada polas plataformas de afectados e afectadas polas preferentes e subordinadas. Bao dixo que “tanto os afectados como o BNG consideramos que cando os deputados do partido popular deciden votar en contra da xente e impedir que as persoas poidan acceder aos cartos que teñen retidos coincidimos en que estes políticos son persoas non gratas”.

O BNG fai esta proposta, segundo o seu voceiro no concello de Lugo, “polas graves consecuencias do seu apoio incondicional á aprobación de normas que legalizan as quitas ás persoas titulares de participacións preferentes e débeda subordinada”. Unhas quitas que “lle causan un grave prexuízo a milleiros de aforradores e investidores deste concello”. “So cabe unha solución política e o PP está tomando o camiño oposto ao que esperan as persoas afectadas” dixo Antón Bao.

O BNG quere manifestar, a través desta inciativa, o seu rexeitamento ás políticas do Goberno central contrarias aos intereses de milleiros de familias afectadas pola fraude das participacións preferentes e subordinadas. Unhas familias que, segundo Antón Bao, “vén como o PP legaliza o roubo dos seus aforros a través da imposición dunha quita e da imposición dun troco obrigatorio por accións de nula solvencia”. Bao recuperou unha frase de Núñez Feijoo na que, en plena campaña electoral, dicía literalmente en Soutomaior que “non descasaremos ata atopar a decisión xusta para os enganados” para tachar a Rajoy e a Feijoo de complices deste roubo a familias e aforradores.

Antón Bao explicou que a responsabilidade de tomar as decisións neste intre correpóndelle ao PP que goberna na Xunta, no Estado, ten unha importante representación no parlamento europeo. Hai que lembrar que o goberno do estado é o propietario, a través do FROB, de novagalicia banco que é a entidade que máis persoas ten atrapadas con participacións preferentes e débeda subordinada.

OS DEPUTADOS DO PP NO CONGRESO DEBEN SER DECLARADOS PERSOAS “NON GRATAS” NO CONCELLO DE LUGO