O BNG PIDE UN PROGRAMA DE PROMOCIÓN TURÍSTICA DE CARA AO VERÁN
A edil Cristina Ferreiro dirixiuse ao goberno municipal para saber se existe previsión de realizar campañas publicitarias para atraer visitantes a Lugo
O BNG xa denunciara recentemente o abandono da páxina de turismo e da aplicación Lugoturismo e sinalan que sospeitamos que non se está a facer nada dende a área de turismo nesta matería
O BNG dirixiuse, ao goberno municipal, para interesarse polo traballo que se está a realizar dende a área de turismo no referente a promoción turística do concello. Segundo a edil nacionalista Cristina Ferreiro achégase a época do ano na que maior número de visitantes recibe o noso concello e deberían poñerse en marcha campañas publicitarias dirixidas a captar posibles visitantes. O BNG xa denunciara recentemente o abandono da páxina de turismo e da aplicación Lugoturismo e sinalan que sospeitamos que non se está a facer nada dende a área de turismo nesta materia.
Dende o BNG presentaron unha serie de preguntas para a comisión correspondente, que se celebrará previa ao pleno de maio, para ter coñecemento de cales son as accións previstas polo goberno municipal en materia de promoción turística. Cristina Ferreiro dixo que é importante que o goberno municipal realice algún estudo sobre cales son as zonas do estado ás que se deberían dirixir estas accións promocionais para que fosen máis eficientes. Para os nacionalistas o goberno municipal debe estudar cales son as localizacións dende as que recibimos máis visitantes para facer nestes lugares un maior esforzo de promoción. Ademais as campañas deberán ser imaxinativas e contando con axentes locais para facer unha promoción máis eficiente dixo Ferreiro.
Lugo conta con importantes recursos turísticos que compre promocionar para incrementar o número de visitantes. O BNG propón que dende o goberno municipal se coordinen as actuacións en política turística coas outras administracións e colectivos relacionados co sector para acadar unha maior efectividade. Cristina Ferreiro dixo que a política turística compre facela contando cos colectivos relacionados co sector da hostalaría, da cultura e todos aqueles que teñan algo que aportar para atraer cara Lugo o maior número posible de visitantes.