O BNG QUERE SABER QUE FARÁ O GOBERNO MUNICIPAL COAS FACTURAS DE SOGAMA
Paz Abraira cualificou de inxustificada esta suba e anunciou que o BNG se oporá a que o incremento do custo se repercuta sobre os lucenses
Lugo, 16 de abril, 2014. No momento en que SOGAMA está remitindo aos concellos as facturas co anunciado incremento do canon, o BNG presentou unha serie de preguntas para saber cal vai ser o posicionamento do goberno municipal de Lugo a este respecto. Paz Abraira dixo que esta suba do canon polo tratamento do lixo está absolutamente inxustificada e afirmou que o concello debe opoñerse frontalmente ao pagamento deste incremento acordado unilateralmente entre a Xunta e SOGAMA.
A voceira nacionalista insistiu en que o goberno socialista de Lugo debe buscar a maneira de non pagar este incremente para no repercutírllelo aos cidadáns de Lugo. Esta suba non beneficia para nada nin ao concello nin aos veciños e veciñas de Lugo ao non incluír ningunha mellora. Entre esta semana e a próxima tódolos concellos recibirán as facturas co correspondente incremento.
Os nacionalistas quere saber se o Goberno Municipal vai acceder o a pagar a suba da factura de SOGAMA ou se vai adoptar medidas opoñerse ao pago deste taxazo. Paz Abraira lembrou que existe un importante movemento de concellos, co alcalde de Monforte á cabeza, que se opoñen a pagar esta taxa por considerar inxusta a súa aplicación.
Entre as preguntas presentadas polo BNG para a comisión de medio ambiente está a de saber se o Goberno Municipal vai recurrir a suba imposta por SOGAMA e a Xunta de Galiza ao concello de Lugo. Ademais, dende o BNG, xa se dirixiron en varias ocasións ao goberno de Orozco para saber se o goberno que dirixe ten a intención de repercutir esta suba nos recibos domiciliarios aos veciños e veciñas de Lugo.
Unha vez recibida factura, e en base á Lei 15/2010, os concellos teñen, dende a recepción da factura, un mes para aprobala e outro mes dende a aprobación para pagala. Dende o BNG e dende a plataforma de alcaldes recomendase a devolución das facturas por incumprimento, unilateral, do acordado entre SOGAMA e os concellos.