O BNG pregunta polo seguimento ás condicións laborais das empresas que operan para o Concello
Temos detectado abusos por parte das empresas que operan para o concello sobre as traballadoras e traballadores e cómpre darlles resposta dixo Arroxo
Lugo, 16 de xuño 2016. O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que o seu grupo vén de presentar unha serie de preguntas para a vindeira comisión municipal de cara a solicitar información do seguimento que está a facer o Concello de Lugo ás empresas que traballan para a institución en canto ás situacións laborais das traballadoras e traballadores. O edil nacionalista informou que dende a súa organización política teñen detectados abusos por parte dalgunhas das empresas, incumprindo os dereitos laborais das traballadoras e traballadores e empeorando o servizo para as veciñas e veciños de Lugo. No pasado mes de marzo houbo un acordo plenario de cara a introducir clausuras sociais nos pregos de condicións á hora de que as empresas cumpran cos dereitos laborais, polo que agora queremos saber en que grado está a cumprir o goberno municipal con este acordo, que lembremos foi aprobado cos votos a favor de toda a corporación salvo os do PSOE
Dende o grupo nacionalista insistiron en que de nada serve seguir aprobando acordos plenarios se despois non se executan, e ademais quixo lembrar que esta é unha cuestión de urxencia, dado que existe un importante número de persoal empregado nestas empresas que están sufrindo diversos tipos de incumprimentos en materia de dereitos laborais, a maiores de que día tras día hai veciños e veciñas de Lugo que presentan queixas no propio Concello ou chaman ao 010 para protestar pola situación pola que se atopan algúns servizos.