O BNG PRESENTOU UNHA MOCIÓN PEDINDO A APERTURA DUN NOVO PROCESO CONSTITUINTE NO ESTADO
Os nacionalistas reclaman o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español
Lugo, 5 de xuño 2014. O Bloque Nacionalista Galego presentou, para o seu debate plenario, unha proposición na que se insta á Xunta de Galiza para que demande do Goberno do Estado español o inicio dun proceso constituínte onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir. Para o BNG compre superar o modelo institucional do estado español e recoñecer o dereito a decidir dos pobos.
A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, sinalou que a monarquía é un réxime incompatíbel cun sistema democrático. Un réxime "vitalicio" e "hereditario" estabelecido "pola graza de Deus" e que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo. Tras coñecer a noticia da abdicación do xefe do Estado español, o rei Juan Carlos I, confírmase a proposta de continuidade do anacrónico réxime monárquico que padecemos dixo Paz Abraira que engadiu que existe nestes momentos unha fonda desafección a unha monarquía inmersa en escándalos de corrupción, con prácticas profundamente antidemocráticas e que deixan en evidencia o seu papel de simples vividores a custa da cidadanía.
Para o BNG estamos a asistir a unha operación de cosmética para salvar o réxime, sabedor de estar sendo cuestionado pola inmensa maioría da poboación que non se identifica nin se sente representado pola familia real. Nesta conxuntura, ao BNG non lle vale unha simple mudanza de caras que dean continuidade ao réxime unitario e centralista deseñado na Transición e perpetúen a monarquía como símbolo e garante desa unidade. O que a cidadanía galega precisa é liberdade e capacidade para decidir. E nese espazo verdadeiramente democrático, onde se garanta o dereito de autodeterminación dos pobos, non ten cabida ningún rei. Por todo isto, xulgamos importante que se inicie un proceso consitutínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político sinálase dende o BNG.
Nos últimos anos asistimos a un proceso de recentralización política que mingua, aínda máis, a capacidade da Galiza para decidir sobre si propia, sobre os seus sectores produtivos, sobre o seu futuro. E isto, en medio dunha non menos profunda crise do sistema político español, que atinxe todas as institucións que o conforman, nomeadamente a monarquía. Foi esta mesma monarquía a que veu funcionando como principal elemento simbólico dun sistema político que nega a Galiza como nación e que impide o noso libre desenvolvemento como pobo.