O BNG RECHAZA A INSTALACIÓN DE CONCERTINAS NO CAMPAMENTO MILITAR DE STA. CRUZ DE PARGA

O BNG RECHAZA A INSTALACIÓN DE CONCERTINAS NO CAMPAMENTO MILITAR DE STA. CRUZ DE PARGA

IMG-20141119-WA0000

A formación nacionalista lembra do perigo que supoñen para persoas e a fauna os “arames da vergoña”

O BNG de Guitiriz por medio do seu Portavoz municipal Xosé Lois González Souto “Pereira” ven de denunciar “a colocación de concertinas na delimitación do campamento militar de Santa Cruz mesmo a carón de estradas e preto de vivendas” nunha actuación que “Pereira” califica de “desproporcionada e desafortunada, que non responde a criterios obxectivos de seguridade,  impropia do século XXI e que supón un perigo certo e evidente contra as persoas e a fauna da zona” .

O BNG de Guitiriz instará á retirada inmediata dos “arames da vergoña, empregados nas fronteiras de Ceuta e Melilla para impedir o paso de inmigrantes cun resultado físico para eles atroz, como dende o BNG vimos a denunciar dende fai tempo e que son obxecto de duras críticas nos ámbitos político  e social polo perigo que supoñen”

Pereira lembra “a relación de convivencia que sempre existiu entre os veciños de Santa Cruz e o campamento, como demostra o feito de que até o de agora, o cerramento perimetral do mesmo consistía nun ribazo de terra e pedra, sen nin tan sequera un valado que impedira o paso e sen que houbera problemas. As cousas cambian cando o Exército Español nun novo alarde de prepotencia propia dunha institución caduca e retrógada decide unilateralmente, por un lado, intensificar as labores de tiro no recinto, co aumento das molestias lóxicas desta actividade coma o ruído e do perigo que supón a utilización de morteiros e artillería nunha zona con poboacións moi próximas coma Santa Cruz, Roca ou Soexo, co peche perimetral cuns elementos máis propios dun campo de batalla que dunha zona poboada, por moito que delimiten unha instalación militar”.

IMG-20141119-WA0001

Continúa Pereira afirmando que “non se nos escapa o feito de que os terreos do campamento foron cedidos no seu momento pola Comunidade de Veciños. Mais somos plenamente conscentes de que se cederon cunha finalidade moi precisa, que era a instalación dunha escola de enxeñeiros do exercito, polo que o uso que dende fai anos se lle está a dar, de campo de tiro e de manobras, deturpa aquel acordo, facendo un uso espúreo e abusivo das verdadeiras intencións da veciñanza, que dende o punto de vista do BNG, en calquera momento podería estudiar a posibilidade de instar á reposición da súa propiedade en base o incumprimento do acordado no documento de cesión.”

“Dende o BNG levaremos ó vindeiro Pleno municipal deste mes este asunto, esixindo ó Goberno Municipal que se posicione con claridade contra a instalación das concertinas e que se dirixa ó Ministerio de Defensa a fín de revisar os protocolos de actuación que se desenvolven no campamento nas manobras e prácticas de tiro que se realizan, ademais de instar a unha revisión das condicións sociais e fiscais que xiran en torno á relación entre Concello e Defensa nestas instalacións” conclúe Pereira.

O BNG RECHAZA A INSTALACIÓN DE CONCERTINAS NO CAMPAMENTO MILITAR DE STA. CRUZ DE PARGA