O BNG PEDIRALLE AO MINISTERIO DE FOMENTO A TRANSFORMACIÓN DA N-VI ENTRE GARABOLOS E AS SAAMASAS
Trátase de adaptar esta vía á súa realidade circulatoria e aproveitar as vías paralelas xa existentes para incrementar a seguridade vial
Rosana Pérez lembrou tamén que o BNG xa ten demandado, en diversas ocasións, a construción dunha rotonda para unir a N-VI coa avenida de Afonso X
A deputada do BNG alertou sobre a rebaixa en máis de 2 millóns da partida de seguridade viaria para Lugo con respecto ao 2014 e dixo que non vale de nada facer concentracións contra os accidentes diante das delegacións de tráfico mentres se rebaixan os medios para facerlles fronte.
Lugo, 20 de novembro 2014. A deputada do BNG no congreso dos deputados, Rosana Pérez, anunciou hoxe en Lugo que transladarán unha iniciativa aos responsables do Ministerio de Fomento para que, a medio-curto prazo, se acometa unha remodelación da N-VI no tramo comprendido entre Garabolos e a confluencia da N-VI coa estrada N-540 que une Lugo con Santiago e Ourense. Esta remodelación tería como obxectivo a súa adecuación ao tipo de tráfico que soporta. Rosana Pérez sinalou que son moitas as vías secundarias que enlazan coa N-VI neste tramo.
Para o BNG é necesario que se acometa unha transformación desta estrada de titularidade estatal para mellorar a seguridade circulatoria neste tramo. Trátase dun tramo que absorve unha gran cantidade de tráfico e que conta cun gran número de accesos a vías secundarias explicou Rosana Pérez e engadiu que moitos destes accesos non contan coas debidas medidas para garantir unha incorporación dos vehículos á N-VI coa mínima seguridade. Neste tramo producíronse un elevado número de accidentes de tráfico e varias mortes por eso o BNG reclama que se acometa esta transformación da vía.
Nunha boa parte deste tramo existen vías de servizo paralelas á propia N-VI co cal o custo da obra de acondicionamento da estrada non ten por que ser desorbitado. A N-VI ademais de manter o seu caracter de circunvalación é unha vía urbana utiliazada por moitos vehículos para acceder a diferentes puntos da cidade. Un aspecto fundamental a ter en conta nesta transformación da vía, proposto polo BNG, é o incremento das medidas de seguridade viaria
Enlace da N-VI con Afonso X
A voceira do BNG, Paz Abraira, que acompañou á deputada Rosana Pérez, recalcou a necesidade de executar as obras que estaban previstas no proxecto orixinal para atallar os problemas de seguridade viaria como os que se dan no entronque da N-VI coa avenida de Afonso X, un enlace que edil do BNG cualificou como deficiente e inseguro. Abraira lembrou que para este cruce estaba comprometida, no proxecto inicial, a construción dunha rotonda e sinalou que esta é a vía principal de comunicación co Campus Universitario e zona sur da cidade.
2 millóns menos para a provincia de Lugo
A pesares de que todos os informes relacionados co tráfico alerta sobre a necesidade de incrementer as medidas de seguridade das vías de circulación a provincia de Lugo verá reducida a partida do Ministerio de Fomento neste capitulo para o ano 2015. Rosana Pérez alertou sobre esta situación e sinalou que o goberno do estado rebaixou en máis de 2 millóns de euros a partida destinada a seguridade viaria para a provincia de Lugo con respecto ao 2014. A deputada nacionalista dixo que non vale de nada facer concentracións contra os accidentes diante das delegacións de tráfico mentres se rebaixan os medios para facerlles fronte.